Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Para onde imos cando desaparecemos?, de Isabel Minhós Martins e Madalena Matoso

Isabel Minhós Martins

Para onde imos cando desaparecemos? (ilustracións de Madalena Matoso, tradución de Anaír Rodríguez)

Xerais, Vigo, 2016, 48 páxinas, 12,90 €

 

 

A pregunta expresa no título, quen o dubida, pertence ao ámbito desas cuestións que pasan pola cabeza de calquera, por veces en idades temperás e noutras ocasións máis tarde. Loxicamente, malia que na infancia se poida vivir sen a súa resposta, sempre está aí como algo consubstancial á propia vida, asomándose de cando en vez.

    Resulta afouto, así pois, propor un álbum ilustrado para un lectorado novo ao que se lle suxire que conteste de seu estas cuestións; e máis valioso aínda cando se deseña con inequívoca orixinalidade, ao que non pouco axuda a interpretación gráfica, convidando a descubrir ese ronsel de continuidade que se ofrece, cos trazos e as cores, páxina a páxina, a través do traballo de Madalena Matoso.

    A autora do discurso narrativo, por outro lado, que goza dunha longa experiencia como editora en Planeta Tangerina e no ámbito da literatura infantil portuguesa, aborda o tema da desaparición, da falacia da inmutabilidade e, por extensión, da propia morte, potenciando a observación do noso propio arredor e procurando analoxías na nosa vida cotiá. Para que o discurso sexa efectivo e fluído abraza con bos resultados esa dinámica de pregunta-resposta, incluíndo algúns interrogantes que a propia ciencia se encargou de contestar e outros aos que ninguén deu réplica. Uns e outros constitúen un ropodío de reflexións onde non se ignora a capacidade de relativizar moitas cousas que ofrece o humor.

     Fermoso este libro de preguntas que axuda a redimensionar, con sinxeleza, conceptos e crenzas xeneralizadas. Unha sorte poder dispor del.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: