Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Terceiro Adral, de Xosé Filgueira Valverde

Xosé Filgueira Valverde

Terceiro Adral

Galaxia-Deputación de Pontevedra, Vigo, 432 páxinas, 18 €

 

 

Continúa, con este terceiro volume, o proceso de reedición da serie “Adral” de Filgueira Valverde: compilación sobranceira de textos breves nados desde a recorrente curiosidade intelectual do seu autor.

 

O proxecto de reedición dos “Adral”, que conduce a editorial Galaxia no seo da “Biblioteca Filgueira Valverde”, paréceme unha acertada iniciativa pois as edicións orixinais, que viron a luz en Ediciós do Castro, resultan hoxe practicamente inatopables. Ademais, estas achegas -cualificadas polo autor como un “xuntoiro da vida e da morte, do rito e do costume, do sagro e do profano, da matinación e da rexouba”- constitúen indubidablemente verdadeiros illós de saber que, a meu entender, cómpre divulgar entre quen os descoñeza. Particularmente, un sempre volve a eles non só para procurar o dato exacto e contrastado, senón para deixarse levar pola música dunha prosa onde é doado sorprenderse de novo coa erudición do autor en campos moi diversos.

         Este  terceiro volume, que se verá complementado nun futuro próximo coa edición dos seis restantes que conclúen a serie, espella os trazos recorrentes dunha proposta que foi avanzando no tempo entendida como unha compilación de artigos, regularmente breves,  publicados orixinalmente en diversos soportes xornalísticos galegos, aos que xuntou limiares, intervencións en congresos ou encontros, discursos, apuntamentos e outros tipo de textos. Nel agroman, así pois, as preocupacións que sempre caracterizaron a Filgueira como investigador implicado en calquera dimensión do saber: velaí a querenza pola palabra, pola súa orixe e o seu significado, con especial atención á onomástica; velaí a presenza da nosa literatura –de Raimbaut de Vaqueiras a Martín Codax, de Francisca Isla Losada á tradución dos clásicos-, da antropoloxía, da historia ou mesmo da súa memoria persoal, sobre todo da infancia pontevedresa entretecida en tantas páxinas. Recomendo a relectura, ou lectura, deste ou de calquera “Adral”: difícil é saír das súas páxinas sen sentirse máis instruído.

Esta recensión, reproducida aquí integramente, apareceu publicada no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 6 de febreiro de 2016. O seu título orixinal era “Illós de saber”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: