Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

De rebeldías, soños e irmandades. Noticia de Xosé Lois García, de Camilo Gómez Torres

Camilo Gómez Torres

De rebeldías, soños e irmandades. Noticia de Xosé Lois García

Xermolos, Guitiriz, 432 páxinas, 2015.

 

 

Ocupábame, hai algúns días, da última achega ensaística de Xosé Lois García, que versaba sobre a figura de Manuel María. Unha persoa da miña estimanza fíxome chegar este denso volume, posto en circulación o pasado verán mercé ao labor bemérito da Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz, e que dá conta, cun afán totalizador e merecente de todas as gabanzas, da presenza de Xosé Lois García entre nós, tanto no que atinxe ao seu percorrido estritamente biográfico como o que di respecto da súa, extraordinariamente abondosa, traxectoria creativa e cultural.

    O volume, así pois, a medio camiño entre unha completísima biografía, arrequentada con numerosos documentos fotográficos, cubertas de libros e outro material de xorne semellante, débese á competencia e rigor do profesor Camilo Gómez Torres que condensa, en máis de catrocentas páxinas, primeiramente os datos vinculados co seu día a día desde neno até os días de hoxe, entre os que resulta obrigado salientar o modélico afán de instruírse e formarse que sempre o guiou nun contexto cheo de dificultades, a carón dos feitos contrastados que o levaron a converterse nun dinamizador de parte da cultura galega en Barcelona, a realizar un intenso labor de carácter sindical ou a divulgar, con teimosía, a realidade da lusofonía entre nós. Gómez Torres, ademais, afonda con escalpelo crítico nas dimensións dunha obra literaria que, particularmente, me semellaba intensa e celmosa mais que aquí refulxe en toda a súa intensidade, sobre todo a poética, analizada con especial atención e, ao tempo, na súa enorme versatilidade.

   Deste xeito, velaí como este é un libro que vai máis alá dunha simple catalogación do material literario ofrecido por Xosé Lois García ao longo dos anos  e de toda a bibliografía que xerou -moi abondosa, por certo-, o que xa de seu sería relevante. García, que abrazou un amplo abano de xéneros literarios como a narrativa, o ensaio, o teatro, a poesía, colaboracións xornalísticas, responsable de numerosas escolmas e edicións…, fica retratado con pertinencia neste volume, realmente inusual na súa concepción e desenvolvemento globalizador afeitos, como estamos e por desgraza, a ver este tipo de traballos publicados, no mellor dos casos, por mor doutro tipo de razóns. Recoméndoo vivamente ás persoas interesadas tanto no que significa Xosé Lois García no ámbito cultural galego máis recente como polo feito de dispormos dunha análise con garantías do singular e intenso percorrido creativo que Xosé Lois García foi deixando, na confianza de que nos irá deixando aínda máis mostras do seu traballo no futuro.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: