Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Antoloxía poética, de Manuel María

Manuel María

Antoloxía poética (escolma de Darío X. Cabana e Amelia Outeiro; edición e limiar de Darío X. Cabana)

Galaxia, Vigo, 244 páxinas, 12 €

 

Comezan a aparecer as primeiras, e agardadas, publicacións que xiran arredor das diversas facetas creativas de Manuel María. Tras a que publicou hai unhas datas Xosé Lois García chega agora este novo libro centrado na necesaria divulgación tanto da figura como, fundamentalmente, do extenso labor poético do poeta chairego.

    Nesta ocasión é o escritor e académico Darío X. Cabana o responsable da edición e da composición dun limiar que, ao meu xuízo, sen esquecer expoñer os socalcos biográficos máis relevantes de Manuel María, sistematiza e herboriza a súa obra poética con fluidez e garantía expoñendo, nunha análise global que atende a temas e cuestións formais, unha periodización en catro “xeiras” que teñen en conta, creo que con acerto, as datas de redacción dos seus libros e non, unicamente, a que se correspondería á data en que foron publicados, en ocasións moitos anos despois de seren creados, desvelando as claves da época xuvenil do poeta, pasando por aquela máis marcadamente existencial, até a poesía máis combativa e que se abre, por último, a unha estética de corte máis confesional.

   Non é nada sinxelo o traballo anterior pois é ben coñecida é a oceánica actividade creativa de Manuel María, neste caso poética mais tamén espallada noutros xéneros. Esa mesma razón é que me leva a saudar, con fervor, a escolla poética realizada por Darío X. Cabana e Amelia Outeiro: un exercicio espléndido, organizado cun criterio cronolóxico, baixo o criterio do agarimo e respecto polos textos, anotado con intelixencia e onde non sei se faltará algún poema significativo de Manuel María -penso que será difícil- pero todos os que están demostran a calidade e valía do autor de Terra Chá como poeta de longa e celmosa traxectoria. Un libro excelente para volver os ollos á voz poética de Manuel María: unha crestomatía, sen dúbida, meritoria.

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: