Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca, edición de Suso Díaz e Helena Villar Janeiro

VV.AA.

6 poemas 6. Homenaxe a Federico García Lorca (edición de Suso Díaz e Helena Villar Janeiro)

Biblos, Betanzos, 2015, 69 páxinas, 15,80 €

 

 

Hai tres afirmacións, neste espléndido libro no que un grupo apreciable de poetas, coordinados por Suso Díaz e Helena Villar Janeiro, homenaxean a Federico García Lorca, que non me podo subtraer a reproducir: dúas son citas do prólogo e outra é un verso, cuxa autoría descoñezo e que consta nun magnífico acróstico de autoría múltiple dedicado á memoria do editor mártir Ánxel Casal, que editou os Seis poemas galegos e que, ademais, asasinaría o fascismo o mesmo día que Lorca: o 19 de agosto de 1936.

     As dúas primeiras aseveracións, como sinalei, aparecen no limiar desta publicación, editada con excelencia por Biblos, e din que, por un lado,  que todas as voces que nel colaboran, ben con poemas, ben con colaboracións plásticas, entenden a cultura “como ben común e como tributo que debemos a quen nos precederon e de quen herdamos” e a outra afirma sinxela e significativamente “Lorca leunos e entendeunos”. En boa parte, ao meu xuízo, aquí radica o espírito do libro, que talvez se complete -esta é a miña interpretación persoal- con ese verso ao que antes aludía e que di “Este é un brinde porque aínda lembramos”.

    Se cadra nestes fragmentos e nese verso repousen, explicitamente, algúns dos valores deste libro pois, sen dúbida, tamén atesoura outros. Suso Díaz e Helena Villar Janeiro idearon unha proposta que quixo lembrarnos  o centenario da primeira viaxe de Lorca a Galicia e, ao tempo, o oitenta aniversario do seu falecemento. A carón deste motivo, que reactiva a relevancia dos Seis poemas galegos lorquianos, non se esquece con xustiza a figura do seu editor, Ánxel Casal, sen cuxa intervención -e a de María Miramontes- este libro nunca vería a luz e nin sequera a literatura galega do século XX nunca sería como tal como foi.

   Que é, pois, este 6 poemas 6? Alén de todo o dito unha homenaxe literaria e plástica a Lorca e Casal, articulada a través dunha dinámica mediante a cal seis grupos conformados por seis poetas inspíranse ou reescriben, libremente, a obra galega do autor granadino, tanto nun poema de autoría conxunta como noutros de carácter individual. Así como Celso Emilio Ferreiro reescribiu a historia do triste Ramón de Sismundi en Viaxe ao País dos Ananos, os motivos lorquianos, as imaxes que empregou, a súa mensaxe e a súa estética recréase, sempre libremente, nos poemas resultantes que proveñen dun grupo de voces contemporáneas, como outras xa fixeron noutro tempo, diversas en canto estilos, formación, estéticas e xeracións mais conformando un grupo aberto e plural, unido por esta devoción lorquiana e que, desde as súas individualidades, ofrecen o mellor do seu talento.

    Non deixo constancia aquí de todas as voces poéticas e de todas as persoas que coas súas ilustracións, quixeron estar neste libro, pero a todas elas, cuxos nomes se poden coñecer premendo aquí, a Suso e Helena e á editorial Biblos transmito os meus parabéns máis entusiastas. Libros así contribúen a enriquecernos, a ensanchar os horizontes da poesía galega e a estimulala desde a memoria. Grazas.

 

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: