A visión do amor no cancioneiro de Don Denis, por Leticia Eirín García

Leticia Eirín García

A visión do amor no cancioneiro de Don Denis (Estudo e edición de 33 cantigas de amor)

Laiovento, Compostela, 2015, 286 páxinas, 19,90 €

 

 

Tendo en conta a diminución palpable de textos publicados en lingua galega no ámbito do ensaio, sobre todo nos últimos tempos, a aparición deste estudo que repara nun aspecto da poesía trobadoresca galego-portuguesa medieval creo que é unha excelente noticia.

    A profesora Leticia Eirín, especializada nas investigacións e interpretacións do ámbito literario medievalístico galego-portugués, ofrece neste libro un sistemático e feliz achegamento que parte do asedio crítico ás trinta e tres cantigas de amor de Don Denis (1261-1325)  que incorporan o motivo do eloxio da dama. Nesta análise, que procede da tese de doutoramento da autora defendida na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña no ano 2012,  resulta de elevado interese a casuística dos aspectos que se vinculan co tratamento que recibe a figura da senhor, como tamén o é a esexese das diversas fases e factores que interveñen no proceso da gabanza da dama ou os efectos este tópico provoca no namorado. Ademais, o estudo fixa textualmente as cantigas devanditas á luz das últimas correntes da crítica textual, acrecentando un comentario individualizado que repara na retórica e nos valores literarios de cada unha delas.

     Volver os ollos á traxectoria literaria do rei Don Denis supón un motivo de alegría. Un estudo académico realizado hai moitos anos do poema “Ay flores, ay flores do verde pino” descubriume, particularmente, unha voz que aínda leo con fascinación e sen dúbida é de agradecer volver a ela desde as instancias do rigor crítico e a divulgación académica. Parabéns por esta publicación.