Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro

Francisco Castro

Amor é unha palabra coma outra calquera

Galaxia, Vigo, 2016, 224 páxinas, 17 €

 

Francisco Castro volve transitar polos eidos da ficción cunha proposta que se asenta no territorio das relacións sentimentais e faino cuestionando con solvencia os piares do chamado amor romántico.

     Pode resultar doado construír hoxe en día unha novela sobre o amor, ou talvez non, aínda que o díficil sempre será aproveitar os alicerces desa historia para albiscarmos a onde nos leva perpetuar determinadas crenzas xeneralizadas que teñen efectos perversos. Sobre este asunto, e outras cousas, ideou Francisco Castro unha proposta verista e contemporánea onde as vidas de dous personaxes -Carla, unha muller que sacrificou todo por nada, e César, un enigmático fotógrafo-, conflúen inesperadamente tras a aparición na casa da primeira dun cadáver, o que a vai abeirando aos poucos cara a unha tonalidade de corte detectivesco.

      Con todo, talvez os devanditos Carla e César, a carón doutras presenzas, non constitúan o foco central desta historia pois, ao meu parecer, o protagonismo repousa na voz narrativa, envolvente e cativadora, case un demiúrgo: ela é quen nos conduce, marcando o ritmo acaído nos capítulos que son torrenteira e noutros de intensidade máis apracible, alí onde exactamente quere que nos situemos, isto é, fainos vivir arreo no mundo das conxecturas para desviarnos ou aproximarnos á resolución do enigma final, sempre sometidos á súa vontade. Por ela sabemos, claro é, o que os personaxes din, revela o que tanto Carla coma César pensan e, por veces, os recrimina, aconsella, comprende ou deixa en evidencia. Aínda máis, esa voz fai máis transparente o lene fío que separa a vida da morte e, sobre todo, exhibe as razóns da resistencia dese concepto anacrónico, pero aínda tan presente, do amor romántico. Nesa voz agroma, ás veces, o profesor de filosofía que o autor non deixou de ser, que abraza a ironía cando é preciso e nos conduce a que o relevante é aprender, se non se sabe ou se non se puido saber, a sentir.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 19 de febreiro de 2016 baixo o título de “O  amor e as súas anacronías”.

Advertisements

Un comentario en “Amor é unha palabra coma outra calquera, de Francisco Castro

  1. Pingback: Na presentación de “O amor é unha palabra coma outra calquera”, de Francisco Castro, na Casa do Libro (Vigo) | Caderno da crítica

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: