Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O deserto, de María do Cebreiro

María do Cebreiro

O deserto

Apiario, A Coruña, 2015, 69 páxinas, 16 €

 

María do Cebreiro constrúe unha metáfora da vida nun dos libros máis salientables da súa celmosa traxectoria poética: «O deserto», un libro para ler e tocar.

 

Internarse polas páxinas deste libro supón un desafío, un reto suxestivo que conleva, implicitamente, predispor os sentidos para atopar outra cousa: algo, sen dúbida, esixente mais aseguro que nada frustrante; algo diferente mesmo no percorrido creativo que exhibiu, até o de agora, María de Cebreiro.

       E os sentidos que primeiro se esixen son a vista e o tacto por mor dese singular «continente» no que se envolve: o deseño que Apiario ideou  incorpora unha disposición acaída ao espírito do libro: unha invitación a establecer unha lectura parella á que se facía co formato dos devocionarios: oracións que se converten aquí en versos para meditar, para os que aínda acreditamos na poesía. Deste xeito articúlase un encontro suxestivo e ricaz entre a linguaxe verbal e a iconográfica, explorando os límites desa confluencia que, neste último caso, aluden á tradición cinematográfica e á pictórica de inspiración relixiosa, agochando sorpresas como estampas ou páxinas desdobradas que definen un traballo editorial espléndido.

      É na dimensión verbal onde O deserto adopta un discurso poeticamente subversivo, abeirado ás secuencias de carácter narrativo con notas ao pé do poema, arroupándose cunha tonalidade elexíaca e mística. Transmítese con limpeza unha esculca vitalista naquilo que a existencia nos doa, mais tamén na morte e no corpo: na doenza, na ferida, na dor, no sangue, na pel; na maternidade e nas identidades, na soidade e na comunidade. Con todo iso eríxese unha reflexión totalizadora que percorre os estadios da memoria e das lecturas, do vivido ou imaxinado, da vida sempre. Nun poema afírmase que «a vida non ten sentido. A vida é o sentido»: velaí o compendio, talvez, do deserto que este libro, con fondura, nos aprende a atravesar.

Esta recensión publicouse, no suplemento Fugas de La Voz de Galicia, o 26 de febreiro de 2016, baixo o título de “A vida é o sentido”.

Advertisements

Un comentario en “O deserto, de María do Cebreiro

  1. Helena Villar Janeiro
    29 Febreiro 2016

    Reblogged this on tirardofio.

Os comentarios están pechados.

Información

Esta entrada foi publicada o 29 Febreiro 2016 por en Crítica literaria,Poesía , , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: