Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María
Editorial Galaxia, Vigo, 188 páxinas, 10 €
Mergullarse nun autor tan poliédrico e mesmo oceánico como Manuel María, e facelo co obxectivo de elaborar unha proposta ensaística que conxugue conceptos como síntese, espírito divulgativo e, ademais, fluidez expositiva, é un reto que non sitúa ao alcance de todas as persoas. Ao meu xuízo a profesora Mercedes Queixas consegue realizar unha biografía que esculca, con rigor, as dimensións máis salientables da personalidade de Manuel María e, abofé, a súa máis que extensa monumental obra con garantías e, aínda diría máis, cun afán totalizador e exhaustivo que resulta todo un mérito esencializalo en apenas duascentas páxinas.
Esta cartografía, que chega para moverse con seguridade no “territorio Manuel María”, dialoga con análises previas como é de regra, manexa unha abondosa documentación textual xa existente sobre o autor de Terra Chá, ordenándoa e tirando o máis esencial dela con avances da propia colleita do autora, mais tamén establece un fío comunicativo coa obra do biografado que supón, claro é, un camiño polo que é obrigado transitar pois nela explícase o propio Manuel María e con ela explícase Manuel María; mais cómpre saber facelo e aí acerta Queixas ao ofrecernos un discurso, organizado cronoloxicamente, que avanza tanto polos socalcos de filiación máis persoal como por aqueles que deixou, como herdo e como necesidade para entenderse a si mesmo, a través dos seus poemas, dos seus artigos, da súa narrativa, mais tamén doutras “presenzas”, “proxectos” e “compromisos” de índole colectiva, xa sexan literarios, sociais, editoriais ou políticos que aquí se rescatan, contextualizan e subliñan, segundo eu entendo, na súa precisa dimensión.
Tras a lectura deste libro compréndese, máis e mellor, o espazo que ocupou e ocupa Manuel María na nosa literatura; proxéctase -agora que é tan necesario- a súa figura e a súa obra con equidade sen converter esta biografía -que chega para quedar como referencia e que será unha ferramenta de inestimable utilidade- nunha haxiografía, algo que non era en absoluto preciso. Os méritos son da súa autora, non teño dúbida. Os meus parabéns.
1 Comment
Os comentarios están pechados.