Manuel María, buscando un país (ilustracións de Víctor Tizón)
Xerais, Vigo, 2016, 64 páxinas, 7,50 €.
<<Un, que é capaz de comprender / a fala das cousas, dos ventos / e os paxaros foi incapaz / de entender a moitos homes>> ou <<… os galegos, / estraña tribo incomprensíbel / feita de tebra, vento e cantaría>>… Estes son, apenas, algúns dos versos de Manuel María que se reproducen neste libro de Manuel Veiga titulado Manuel María, buscando un país. Volume que non é, malia o que poida parecer este exordio e que se me desculpará porque non puiden evitar reproducir os devanditos versos, unha antoloxía poética do autor de Terra Chá, nin sequera unha revisión biográfica máis ou menos ao uso. Trátase doutra cousa.
Veiga, tal e como entendo e parece sinalar, debíalle este libro a Manuel María: ao Manuel María que tratou con intensidade en Monforte de Lemos e que deixou unha fonda pegada nel. Mais non optou, raro sería nel, nin por deixar testemuño desas vivencias, algo que sería ben lícito, nin tampouco por darlle forma a unha colectánea de anécdotas que poderían resultar máis ou menos interesantes. Antes ben, este pequeno ensaio, que se le moi rapidamente e que ademais está moi ben escrito porque a Veiga, talvez estea de máis dicilo ou talvez non, dá gusto lelo tanto pola claridade coa que escribe como polo que conta, recorrendo en tantas ocasións a esa dialéctica que lle proporciona ser un lector impenitente e formado, sempre argumentando con contención e solidez, compoñendo afirmacións respecto das que, como en todo, un pode estar en desacordo con elas, ou xulgalas matizables claro é, pero que sempre expresa con respecto e coñecemento. Neste caso con indubidable admiración pola figura de Manuel María mais sen nunca converter este libro nunha haxiografía.
Nestas páxinas configúrase o Manuel María que foi, isto é, o gran poeta -percorre tamén as claves temáticas e máis significativas de moitos dos libros cunha lúcida ollada- e home político que foi preocupado polo seu tempo e polo seu país, mais tamén é quen de cartografar, e este é un dos seus grandes méritos, a paisaxe máis humana do autor formulando moitas preguntas ás que intenta, dalgún xeito, responder. Unha achega, distinta e talvez precisa, a este ano Manuel María.