Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Cara ao leste, de Antía Nara

Antía Nara

Cara ao leste

Xerais, Vigo, 2016, 152 páxinas, 16,65 €

 

Antía Nara retorna á narrativa nove anos despois cunha proposta onde os acontecementos que sobreveñen tras a celebración dun velorio son operativos para escaravellar nas claves dun pasado con intención de modificalo.

Un grupo de mulleres chamadas Helena, Elsa, Nela e Iria, unidas polos fíos da amizade, participan no  velorio de Isolina nun territorio singular chamado Al-Luaira, que é símbolo doutros moitos espazos idénticos. Ese é o momento de confidencias, cando se afogan fantasmas do pasado e se  permite que a memoria percorra os camiños diferentes que cada unha delas transitou a raíz dun incendio que as afastou, destruíndo asemade unha iniciativa empresarial común. Se a isto lle engadimos a desaparición dun veciño do lugar dispomos, a grandes trazos, do argumento que Cara ao leste ofrece para articular, e se cadra aí radica a súa orixinalidade, un axuste de contas, individual e colectivo, cun pasado que aos poucos vai cobrando densidade.

         Ao ritmo áxil que se lle imprime a esta novela cómpre engadirlle, ao meu ver, algúns valores como son a transparente descrición do que significa o mundo da morte nun contexto rural; o deseño da vida “transterrada” dunha das amigas, en Dresde, onde asoman conflitos políticos e sociais de variada natureza; os modelos de comportamento onde salientan os estereotipos xenéricos ou a reflexión que se acrecenta sobre as razóns dos numerosos incendios no mundo rural, entre outros. Con todo, o espírito do libro concéntrase talvez nunha aseveración coa que a voz narrativa define estas catro mulleres –de certo que tamén outras moitas máis- como “almas atormentadas daquelas que unha vez foron mozas e quixeron proxectar un futuro, para logo abandonarse pola corrente. Mulleres que van ao leste porque saben que tardarán en dar a volta que as leve ao punto de partida”. Descubrir as claves deste último punto de partida, matinar nas novas perspectivas e procurar outras dinámicas están, se cadra, na base desta suxestiva novela.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 4 de marzo de 2016, baixo o título de “O mundo de Al-luaira”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: