Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Con Fran P. Lorenzo, no Club de Lectura do IES Valadares

Achegouse onte ao pé do Galiñeiro Fran P. Lorenzo para manter un diálogo arredor da súa novela Cabalos e lobos coas persoas que compoñemos o Club de Lectura do IES Valadares (fotografías de Anxo Cabada).

    Tras a presentación a cargo da profesora Iolanda Rodríguez, o escritor vigués comezou aludindo a algúns aspectos deste premio Blanco-Amor 2014 que se publicou hai pouco máis dun ano e que conta xa con tres edicións. No seu discurso sinalou que decidiu envorcar nestas páxinas numerosas micro-historias cuxa redacción xa viña de atrás e tamén moitas das súas obsesións, revelando ao mesmo tempo que a construción da novela foi un proceso que se alongou durante catro anos, agromando  logo de atopar a estrutura da novela que foi, xustamente, o edificio que preside a cuberta nesta intersección de dúas arterias da cidade de Vigo como son a Gran Vía e Urzaiz: velaí  a auténtica  “espiña dorsal” da súa proposta.

    Unha das intencións do autor con esta novela foi a de indagar no feito de  “como os espazos nos habitan e como habitamos nós os espazos”, salientando o papel que se lle outorgou á cidade de Vigo nesta trama: unha cidade que tende os seus fíos cara a fóra, concretamente cara a Alemaña, para así obter unha visión ou perspectiva exterior.  Na súa intervención aludiu a que  a esta historia “urbana” xúntaselle, claro é, unha historia íntima e tamén unha historia global que sería a do século XX, conxugadas con dúas ideas básicas que foron tanto o amor coma a guerra. Asemade, Fran P. Lorenzo disertou sobre o proceso de documentación e as perspectivas, de xorne moi visual, que adoptou no seu traballo, para engadir finalmente algunhas reflexións sobre os obxectos e o seu tratamento na novela ou o espello da represión que se fai nela, máis ben sobre os distintos tipos de represión que se quixeron recoller nas súas páxinas.

     Tras un diálogo posterior, onde abrollaron diversos temas como a contención narrativa derivada da prática do xornalismo, a chamada “literatura de cordel” e outros asuntos, o autor descubriu -como é norma- esa baldosa literaria (véxase foto inferior) que deixa constancia do seu paso polo Club de Lectura. Grazas!

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: