É unha alegría constatar como, paso a paso, a celebración do Día das Letras desde ano vai acadando unha proxección relevante. Súmase a este ronsel o libro-cd que me ocupa e que ve a luz baixo o título de Teatro de Guiñol: un traballo do grupo Pirilampo na Editorial Galaxia que articula unha sentida e acaída homenaxe ao poeta Manuel María. Unha iniciativa loable, así pois, que pon enriba da mesa unha ferramenta útil e probablemente precisa para espallar a obra literaria do autor de Terra chá entre o público máis novo e non só. O libro, ademais, incorpora un corpus magnífico de ilustracións a cargo do artista gráfico Iván R. e mais un fermoso limiar, a cargo de Xurxo Souto, que define este grupo musical que ideou o proxectdo como “un comando musical itinerante de artistas ventureiros que avanzan pola noite e enchen de melodías todo o que tocan coa súa luz”.
Moi atinada, por outra parte, paréceme a escolla realizada, entre a oceánica obra poética de Manuel María, para compor este libro e para musicar poemas como son “O vento”, “Poemiña do señor regato do Cepelo”, “O galo”, “A natureza”, “Teatro de guiñol”, “A fala”, “Neve” “O bolo”, “O meu cuarto, “Anduriñas” e a “Biografía da muiñeira”, todos eles procedentes dos libros As rúas do vento ceibe, Os soños na Gaiola e Terra Chá. Contemplados globalmente resultan composicións que constitúen unha pequena escolma chea de sentido, moi ilustrativa no que respecta a aos asuntos recreados e dominadas tanto por un forte ritmo interno como por un indubidable espírito festeiro e optimista.
Poemas, en fin, especialmente axeitados para o obxectivo de popularizar, aínda máis, a fasquía de poeta popular de Manuel María, acompañados por un amplo abano de ritmos musicais o que constitúe, ao meu ver, un dos seus engados. Parabéns por este proxecto e pola súa materialización.