Breviario, en Biblos. Revista Galega de Información Literaria, nº 79

1º-. Entre as efemérides que se celebran este ano destaco, e neste caso guíame a proximidade que sinto polos dous autores, o centenario do nacemento de Manuel Lueiro Rey e mais os cincuenta anos transcorridos desde que se celebrou, na cidade de Ourense, o banquete de despedida de Celso Emilio Ferreiro e que se converteu no primeiro acto público de orientación anti-franquista en plena posguerra. Estes dous motivos virarán a atención cara a estas dúas voces, aínda que sexa circunstancialmente, mais teño para min que a mellor homenaxe que se lles pode tributar é, sempre, a de ler ou reler a súa obra.

2º-. Nas datas en que redacto estas liñas xa se observa un repunte respecto das obras que se publicaron nos anos anteriores centradas nas voces que a RAG decidiu homenaxear no Día das Letras. As achegas de carácter crítico que suscitaron tanto Díaz Castro como Filgueira Valverde resultaron, cuantitativamente, moito menores que as acostumaban, ano a ano, chegar ás nosas librarías. Xa que logo, é unha alegría que xa poidamos dispor a estas alturas, alén da reedición da obra de Manuel María que vén tanto da man da Fundación homónima como dalgunhas editoriais xeneralistas,  ensaios e traballos analíticos de diverso xorne como os que subscriben Xosé Lois García, Mercedes Queizas, Manuel Veiga Taboada ou Darío X. Cabana, este último no limiar dunha precisa antoloxía. Non esquezo tampouco as achegas que se realizan desde o mundo musical ou audiovisual, todas elas ben necesarias.

3º-. A través dun aviso nunha rede social unha persoa advertíame do feito de que na última lista de libros máis vendidos que publico mensualmente no meu blog, grazas a un bo número de librarías galegas, non había ningunha presenza de autoras na sección de narrativa. Creo que é unha das primeiras ocasións na que algo así ocorre neste xénero pero, loxicamente, non é un bo sinal e creo que cumpriría reflexionar sobre estes datos e o que poden significar.

4º-. A iniciativa de fundir, afeitos ao minifundio como estamos, na chamada I Gala do Libro Galego que se celebrará en Compostela o vindeiro 14 de maio, os galardóns que até o de agora convocaban independentemente a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editores (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia paréceme unha decisión moi atinada e merecente de todos os aplausos. Un bo exemplo que optimiza recursos e ofrece unha idea de unidade porque os tres estamentos, representantes de sectores fundamentais para o libro galego, deben viaxar xuntos.

Este texto publicouse nas páxinas da revista Biblos. Clube de Lectores, nº 79.