Isela, de Carlos López

Carlos López

Isela (ilustracións de Nuria Díaz)

Embora Edicións, Ferrol, 2016, 68 páxinas, 10 €

 

Retorna á narrativa Carlos López, coa brillantez á que nos ten afeitos, creando un mundo fantástico e singular.

Hai páxinas escritas que quedan na memoria de quen as le polo que se conta nelas ou por como se contan, ás veces polos relampos enxeñosos que o habitan. De todo isto hai, ás mancheas, neste último libro de Carlos López, que asenta a súa presenza como un prosista singular, independentemente do público receptor ao que dirixa a súa proposta, e que manifesta unha especial querenza por estilizar o seu discurso narrativo, por procurar unha consciente limpeza expresiva, pola sutileza coa que emprega a ironía e pola fragmentación da materia narrada na que exhibe, ao meu ver con resultados espléndidos, esa fervenza imaxinativa na que conflúe o cotián e o fantástico.

     Enténdese cabalmente, así, o cruzamento feliz que se produce cando, a pequena Isela, protagonista do libro, lle pregunta aos seus pais, nunha visita ao zoo, por que tan só a cebra ten alí un vestido de prisoneira ou cando se decata de que as cousas valen cartos nesa Cidade Clara na que vive coa súa familia: un lugar poboado por xentes singulares, onde a chegada do outono é saudada con honores, onde se xuntan espazos máxicos como unha tenda de soños cos marabillosos observadores de nubes ou con espellos que deben aprender a copiar ben as imaxes das cousas ou persoas que se busquen nel…, unha cidade na que paga a pena achegarse a lugares como a Praza Central ou aos Xardíns do Medio Sur, pois alí sempre se poderá recobrar a fe no sorprendente.

       Con todo, se con algo tivera que quedar tras a lectura de Isela, apuntaría que con ese filtro tan persoal, talvez esa perspectiva desde a que se ven e contan as historias, mediante a cal se consegue a complicidade necesaria para crer nas solucións imaxinativas que solventan pequenas intrigas coa contundencia que, en ocasións, supón recorrer á lóxica máis racional que repousa na decorrer da vida, aínda que en aparencia non se vexa. Na derradeira das microhistorias deste libro a voz narrativa apunta á existencia de tesouros na Cidade Clara e dise que estes alentan nas historias que nos falan deles. Abofé que Carlos López sabe convencernos de que así é.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 18 de marzo de 2016, baixo o título de “Fervenza imaxinativa”.