¿A que altura está o ceo?, de Jorge Mira (coa colaboración de María Canosa e ilustracións de Dani Padrón)

Jorge Mira

¿A que altura está o ceo? (coa colaboración de María Canosa e ilustracións de Dani Padrón)

Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 2016, 132 páxinas, 17 €.

 

 

Atopar libros desta fasquía, tan coidados por dentro e por fóra, resulta unha verdadeira alegría e, ao meu ver, non deberían pasar desapercibidos. Un equipo constituído polo científico e divulgador Jorge Mira, pola enxeñeira e escritora María Canosa e mais polo ilustrador Dani Padrón, ao abeiro de Alvarellos Editora, ofrece un deses traballos verdadeiramente imprescindibles tanto para as persoas afeccionadas á ciencia e á divulgación como para aquelas que gustan de formularse algunhas preguntas ás que nunca atoparon resposta, ou se cadra nunca deron con algunha que puidesen entender dun xeito claro e directo.

     Teño para min que esta intención de dar respostas a cuestións que sempre estiveron aí resulta fulcral neste libro e facelo con claridade, amenidade, interese e sen perder a solidez das argumentacións científicas empregadas resulta un dos seus logros irrebatibles, ao que axuda o corpus de ilustracións, penso que moi atinadas, que nel se reproducen.

     ¿A que altura está o ceo?, así pois, articúlase como unha viaxe que abrangue un período que vai desde as reflexións sobre a ciencia e o universo que se formularon ao longo do período clásico grego até as achegas máis actuais. Polo medio e medio cuestións que percorren asuntos como son a medida da Terra ou a distancia á Lúa; a altura e a distancia dos planetas; o Big Bang e a idade do universo  ou as galaxias e a materia escura, sen esquecer a explicación do que supuxeron as propostas científicas fornecidas por figuras como as de Henrietta Leavitt, que inventou un novo método de medida das distancias astronómicas, Hubble, Einstein, Hawking ou Penrose entre outras.

     Recomendo vivamente esta achega que populariza e divulga, con garantías, contidos científicos en galego porque o fai dunha maneira accesible, suxestiva e nun formato atractivo. Parabéns por ideala e por dala a coñecer.