“Un pintor que sabía o que facía”. Achegas á obra pictórica de Luís Seoane
Laiovento, Santiago, 2016, 100 páxinas, 13,60 €
O profesor e historiador da arte Carlos L. Bernárdez ofrece unha visión sistemática e precisa sobre o percorrido de Luís Seoane como artista plástico.
| Nunha ocasión Picasso afirmou que Juan Gris era un pintor que sabía o que facía e Carlos L. Bernárdez, un dos especialistas máis recoñecidos no eido da crítica das artes plásticas en Galicia, reutiliza esta sentenza para aplicala á obra artística de Luís Seoane no que entendo como todo un acerto. Este ensaio, subtitulado “Achegas á obra pictórica de Luís Seoane”, supón tanto para leigos na materia como para as persoas afeccionadas a esa rara avis que son os ensaios de asunto pictórico, un libro agradecido e moi a ter en conta.
Agradecido porque, sen dúbida, con el se amplía a bagaxe particular que se teña no que se refire á comprensión de boa parte da pintura galega do século XX a través dunha análise concienciuda e situada ben lonxe, á mantenta, de tecnicismos que empecen a lectura deste tipo de textos; a ter en conta porque garante internarnos con aproveitamento naquelas claves máis salientables que simboliza, aínda hoxe, o herdo pictórico de Luís Seoane, contribuíndo asemade a que se entenda mellor a totalidade da súa obra artística.
Así pois, través da compilación dos catro ensaios que se encerran neste libro, desvélanse os desafíos e as diversas dimensións que supoñen as manifestacións plásticas de Seoane vinculadas sempre cunha inexcusable vontade de intervención no campo do compromiso social e político. Velaí a análise global da súa pintura e a evolución do seu estilo, a análise cumprida das súas intervencións ao longo da Segunda República ou o estudo da interacción artística que realizou con Lorenzo Varela para concluír cunha revisión e un diálogo cos traballos sobre arte que escribiu o propio Luís Seoane.
Apunta Bernárdez que a obra do pintor coruñés foi “un exercicio de consciencia e de dignidade contra a desememoria” e as argumentacións coas que defende esta afirmación son sólidas. Recomendo coñecelas.
Esta recensión publicouse baixo o título de “As claves da pintura de Luís Seoane” no suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 25 de marzo de 2016.