Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A Berenguela (texto de Manuel María; música de Nani García; ilustracións de Miguelanxo Prado)

Manuel María, Nani García, Miguelanxo Prado

A Berenguela (opereta para voz narrada e cuarteto de clarinetes) (limiar de Chisco Fernández Naval)

Galaxia, Vigo, 32 páxinas + cd, 20 €

 

Como unha relevante e suxestiva achega cómpre adxectivar esta publicación que hoxe me ocupa. Alén da exquisitez do traballo tamén inflúe nesta valoración tanto o feito de coñecer e traballar, hai moitos anos, este texto teatral de Manuel María titulado orixinalmente Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela, como o de conservar un vello exemplar desta edición que coeditara a AS-PG e Xistral nos anos oitenta, e que o autor asinara garimosamente nunha visita a Vigo, talvez a comezos dos anos noventa, por mor da súa participación nuns cursos de verán organizados pola AS-PG, como talvez a escritora Marta Dacosta lembre.

    Volvendo ao rego: este proxecto, presentado agora baixo o título d´A Berenguela, posúe unha indiscutible funcionalidade didáctica neste preciso ano e non é difícil conxecturar que se converterá nunha das publicacións máis salientables derivadas da celebración do Día das Letras 2016, tanto porque rescata un texto teatral fermoso e inesquecible como polo feito de ofrecer unha moi rendible e transparente interpretación simbólica, sen perder a frescura dunha mensaxe de inequívoca intervención social e de indiscutible espírito ecolóxico como é doado de advertir.

     Un dos elementos máis salientables desta edición concreta é a orientación interartística que a domina pois nela, alén do texto dramático de Manuel María, cómpre salientar o acompañamento musical extraordinario que ideou o músico Nani García baixo a fórmula de opereta e que pon en práctica o Cuarteto Xerión, conformado por J. J. Pérez, Xocas Meijide, Mariola Gil e mais Lola García, sen esquecer nin as formidables e suxestivas ilustracións a cargo de Miguelanxo Prado nin a participación teatral da gravación que se ofrece a cargo da actriz María Inés Cuadrado.

    Alenta Chisco Fernández Naval, no final dun limiar que animo igualmente a ler, a representala no colexio ou na casa pois isto “faría moi feliz a Manuel María“. Non teño dúbida ningunha que así sería. Parabéns por esta iniciativa tan fantástica, redonda, integradora e, abofé, distinta.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: