Manuel María. Vida, versos e rebeldía (ilustracións de Nuria Díaz)
Xerais, Vigo, 2016, 136 páxinas, 12 €
Non teño dúbida que, a estas alturas de ano, a anada de publicacións que suscitou a designación de Manuel María para protagonizar o Día das Letras Galegas está deitando resultados espléndidos. Non é difícil reparar, ao mesmo tempo, na especial insistencia que se lle está outorgando á divulgación da obra e das claves biográficas do autor de Terra Chá para un lectorado infantil e xuvenil. Dentro deste ámbito, pero podo asegurar que ben proveitoso para calquera persoa interesada pois circulan por el moitas chiscadelas ou alertas de maior rendemento ou reflexión para outras posibilidades de recepción (sinalo simplemente unha como é a referencia a que a crítica non reparou moito nos textos xornalísticos que constitúen a serie Andando a Terra) é este Manuel María. Vida, versos e rebeldía, que subscriben, en primeiro lugar, Manuel Veiga como autor dun texto introdutorio ao meu ver coidadosamente redactado para que alguén que nada sabe de Manuel María descubra o autor e o seu tempo, “humanizando” se se quer a súa figura, reparando nos aspectos contextuais que rodearon a súa vida e iluminando o máis relevante da súa achega literaria con fragmentos poéticos do autor. Non menos interesante resulta a antoloxía poética que completa a sección anterior; nela, Xosé Lastra, realiza un traballo moi calibrado, plural e representativo das principais liñas de sentido da extensa poética do autor posta a ollada na divulgación e coñecemento dos seus poemas nun público, como xa se dixo, infantil e xuvenil, pero non só; engadindo unha cronoloxía extraordinariamente útil. Por último, cómpre non esquecer a lectura plástica que ofrece Nuria Díaz marcada por unha vontade de ofrecer unha visión contemporánea, fresca, colorista e suxestiva, interaccionando con enxeño cos textos poéticos escolmados.
Unha achega de garantías que recomendo pois contribúe, fermosamente, a darlle máis brillo a Manuel María neste que é o seu ano achegándoo con sinxeleza a quen debe descubrilo e ás persoas que queiran redescubrilo.