Talvez constitúa, a deste vindeiro sábado día 9 de abril no Multiusos de Fornelos de Montes, unha entrega especial a desta cuarta edición do premio de Poesía Manuel Lueiro Rey que recaeu en Marcos Abalde Covelo polo seu libro Exhumación. Serao seguramente porque tamén celebraremos nesa mañá que, cen anos atrás, nacía naquela vila Lueiro e, honrar honra, cómpre lembralo como merece.
A organización destes actos, baixo a responsabilidade de Carmen Carreiro, contempla, alén de diversas intervencións, a presentación dunha nova edición de carácter divulgativo e conmemorativo de Non debían medrar, respecto da que direi algunhas palabras xunto con Manuel Bragado, en representación de Edicións Xerais, que dispuxo esta edición nun brevísimo espazo de tempo. Será un pracer atoparnos alí poñendo un gran de area máis na “causa Lueiro”.