Na entrega da IV edición do Premio Lueiro Rey de poesía a Marcos Abalde

Celebrouse onte, no concello de Fornelos de Montes, a entrega da IV edición do Premio Lueiro Rey de poesía ao escritor Marcos Abalde, que organiza o concello do mesmo nome e mais a Asociación O Cruceiro da Laxe anualmente, nun día -ademais- no que se conmemorou o centenario do nacemento do autor d´O sol na crista do galo.

     Houbo ocasión tamén para presentar a reedición, de carácter divulgativo e conmemorativo, da novela Non debían medrar de Lueiro Rey que levou a cabo Edicións Xerais. Ao longo de case dúas horas sucedéronse diversas intervencións, acompañadas de intervencións musicais, poesía e un emocionante audiovisual que a comunidade educativa do C.E.I.P. Doutor Súarez creou baixo o título de “As tres paisaxes de Lueiro”.

    Para min, ademais da intervención do galardoado Marcos Abalde, que o fixo nunha clave que de certo sería moi do gusto de Lueiro coa lectura dun poema do seu libro Exhumación, supuxo unha alegría atopar moitas persoas unidas pola memoria de Lueiro e, ao tempo, confirmar un sinal esperanzador como foi a presenza de diversos membros da Corporación municipal do outro Concello vinculado coa biografía do autor como foi O Grove, apoiando simbolicamente a precisa confluencia de esforzos e iniciativas para este ano e o futuro. A dinámica de sumar forzas e presenzas na Causa Lueiro é moi positiva e ha de dar, non o dubido, moitos e celmosos froitos. A miña gratitude a Carmen Carreiro pola impecable organización do acto e Paula Pereira polo fermoso agasallo artístico.