Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, de Carlos Labraña

Carlos Labraña

Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada (ilustracións de Rodrigo Chao)

Galaxia, Vigo, 104 páxinas, 9,90 €

 

 

Nuns tempos de evidente menesterosidade para o teatro galego atopar unha peza deste carácter, como a que asina Carlos Labraña, orientada para o goce lector e a práctica teatral das persoas máis novas, afondando ademais nun asunto como é o das reviravoltas que sofre un circo para poder seguir adiante co seu espectáculo e construído,  finalmente, desde as  instancias da comedia, sen perder de vista a vontade de intervir criticamente nalgúns aspectos da sociedade actual, resulta unha  verdadeira regalía.

     A traxectoria vocacional de Labraña neste universo afonda as súas raíces tanto no feito de botar a andar diversos colectivos e grupos de carácter teatral como na publicación de diversas pezas que viron a luz desde hai uns anos para acó, case sempre dirixidas a un público infantil ou xuvenil. A vivencia deste mundo desde dentro e, xa que logo, a experiencia acumulada, explica o engado que produce a lectura de Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada: peza brillante para ler -cómpre destacar o especial coidado depositado no rexistro lingüístico- e, asemade, ideada loxicamente para cobrar vida a través da súa representación.

     O autor articula, na devandita clave humorística sempre presente mais onde os lategazos irónicos cara ao poder ou cara ao capitalismo non se esquecen, unha peza dotada de moito ritmo, por veces vertixinoso, onde a homenaxe ao case esquecido mundo do circo -un circo onde non hai escravitudes de ningún tipo, por certo- é un dos elementos que, particularmente, me parecen máis fermosos. Un circo en decadencia, abofé que si, que en boca do seu propietario se define como composto por “un par de pallasos parvos que xa non fan rir a ninguén, unha trapecista zoupona, un domador covarde e un mago caneco que xa non fai un truco con xeito”…, mais sobre o que sobrevoa a vontade de non desaparecer. É nese ronsel cando se van sucedendo, e enguedellando con especial enxeño, situacións do máis variado, adornadas cunha pingas dese necesario surrealismo ou esperpento que tanto e tan ben contribúen á axilidade da trama, articulando un diálogo celmoso entre fantasía e realidade.

       Rodrigo Chao, autor das ilustracións, achega o seu gran de area potenciando unha lectura atractiva e imaxinativa do argumento e mais dos personaxes que poboan un libro, en fin, moi satisfactorio e ao que lle desexo a mellor das sortes.

Advertisements

2 comentarios en “Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, de Carlos Labraña

  1. Pingback: Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, de Carlos Labraña | novasdecedeira

  2. Pingback: Carlos Labraña no Caderno da Crítica | Dramaturga

Os comentarios están pechados.

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: