Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

O dobrón de a oito, de Alberto Fortes

Alberto Fortes

O dobrón de a oito

Xerais, Vigo, 2016, 192 páxinas, 16,65 €

 

O escritor pontevedrés Alberto Fortes asómase en «O dobrón de a oito» aos tempos convulsos do Antigo Réxime da man dun protagonista chamado Martiño de Santadrán que nos desvelará, cun ritmo dinámico e intenso, as claves que resolven unha intriga engaiolante.

A novela clásica de aventuras, de filiación realista ou non, que ademais escaravella conscientemente nun período concreto da nosa historia, xerou magníficas e afortunadas propostas como as que, nos últimos anos, chegaron das mans de Miranda, Queipo, Xabier P. Docampo, Darío X. Cabana ou Xosé María Lema, entre outras moitas voces. Neste ronsel parece situarse Alberto Fortes con O dobrón de a oito, novela que fai pivotar, ao meu ver, sobre tres sólidas características distintivas.

     A primeira vincúlase coa adopción dun rexistro lingüístico coidado e moi vizoso, outorgándolle especial atención aos termos de orixe mariñeira e que dá xenio atopar nunha novela actual; a segunda relaciónase cun espléndido traballo de documentación, moi atento aos pequenos detalles e que, tras a preceptiva peneira, serve para reflectir un mosaico conformado por distintas teselas como son o mundo do contrabando e o universo do mar e dos mareantes, as pousadas ao pé da praia atentas ao que chega por mar e a perentoria necesidade de matar a fame en tempos de carestía e desamparo, os curas caciques e os representantes dunha xustiza que non merecería chamarse así, o odio ao “inglés”, etc., todo ao servizo de construír un fresco arredor da vida cotiá na Galicia da segunda metade do século XVIII, transmitida sempre con plasticidade e sen pretender nunca dar leccións de historia. Por último, cómpre non esquecer o dinamismo que afecta ao desenvolvemento dunha intriga pragada de enigmas que se van desvelando aos poucos e  onde non se descoida a perspectiva de facer confluír o esquema dos textos máis canónicos abeirados ás aventuras clásicas cos da novela de formación ou iniciática, neste caso a través da figura entrañable de Martiño de Santadrán, configurada con indubidable acerto e coherencia.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, baixo o título de “Unha espiral de aventuras”, o 8 de abril de 2016.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: