Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Feliz Feroz. O lobiño riquiño, de El Hematocrítico

El Hematocrítico

Feliz Feroz. O lobiño riquiño (tradución de Anaír Rodríguez, ilustracións de Alberto Vázquez)

Xerais, Sopa de Libros, Vigo, 2016, 72 páxinas, 10 €

 

El Hematocrítico, como moitas persoas saberán, constitúe unha presenza enxeñosa en diversos blogs e mais no twitter desde hai algún tempo, onde goza dun extraordinario número de persoas que seguen as súas intervencións e comentarios sobre moi diversos asuntos. Particularmente descoñecía a faceta literaria deste autor que presenta agora, en lingua galega e mercé á tradución de Anaír Rodríguez, este Feliz Feroz. O lobiño riquiñounha aposta, ao meu ver, ben interesante polo que atesoura como subversión dos roles que se perpetuaron a través dalgúns dos contos tradicionais ou clásicos máis coñecidos.

    O autor, nunha linguaxe directa e non exenta de humor, perfila un protagonista que dista moita da imaxe dese lobo feroz que nos chegou a través da tradición oral e literaria: o lobo feroz é, como ben se recolle no título, un “feliz feroz” no que a súa suposta ferocidade se modula, transforma e subverte nunha actitude rebuldeira e amigable malia os intentos dunha contorna familiar que pretende educalo segundo o modelo máis canónico. As reviravoltas que este lobiño vive cos coellos, cos tres porquiños e coa propia Carapuchiña camiñan cara a un final feliz, abofé que si, mais ben desemellante do agardado pois a a defensa da liberdade persoal e a promoción e respecto á diferenza iluminan outra recreación literaria sobre esta temática moi ben alicerzada. Libro para un lectorado novo pero, podo aseguralo, ben grato e suxestivo para todas as idades.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: