A viaxe de mamá, de Mariana Ruiz Johnson

Mariana Ruiz Johnson

A viaxe de mamá (tradución de Manuela Rodríguez)

Kalandraka, Pontevedra, 2016, 32 páxinas, 13 €

 

Hai tres anos un libro de Mariana Ruiz Johnson resultaba galardoado no Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados que se publicaba baixo o título de Mamá. Tres anos despois retorna a Kalandraka con A viaxe de mamá, cando precisamente onte se facía público o ditame que outorgaba unha convocatoria máis o premio homónimo aos escritores gregos Antonis Papatheodoulou e Iris Samartzi, autores do texto e das ilustracións, respectivamente.

     Neste A viaxe de mamá, a autora volve transitar polos camiños da sinxeleza e transparencia narrativas exhibindo un discurso abeirado a certo recendo lírico, con algunha que outra chiscadela humorística e sen esquecer emprazar a historia nunha atmosfera realista a través da que se fai un percorrido a través do motivo das ausencias, neste caso transitorias e derivadas por motivacións de carácter laboral, onde o cotián pode converterse maxicamente nunha vivencia distinta e, ao mesmo tempo, enriquecedora, reparando por extensión nalgúns valores como son o da corresponsabilidade da figura paterna na educación e no traballo doméstico, onde tanto hai aínda que educar.