Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Manuel Lueiro: «camiño aberto»

lueiro velloCúmprense cen anos do nacemento do escritor Manuel Lueiro Rey (Fornelos, 1916-O Grove, 1990) e comezan a coller corpo diversas iniciativas para actualizar a súa obra literaria.

     «Memoria», precisamente, é a palabra que máis se reitera na obra literaria de Manuel Lueiro Rey, asociada en moitas ocasións co termo «ferida». Cun pouco de fortuna esa «memoria ferida» vai modularse nun «camiño aberto», tal e como se titulará unha próxima exposición bio-bibliográfica que acollerá o Pazo da Cultura pontevedrés entre os meses de maio e de xuño e onde se desenvolverán encontros literarios, recitais poéticos e outras actividades. Contémplase presentar tanto unha reedición de Non debían medrar (Xerais), libro importante na traxectoria narrativa de Lueiro, que esixía unha edición asequible e con intención divulgativa, e mais un volume inédito: Novas crónicas dunha transición intransixente (Laiovento), que recolle as crónicas que o autor publicou en lingua galega seguindo o espírito doutro título no que exhibía unha semellante tonalidade crítica e combativa como foi Crónicas de una transición intransigente (1985). Talvez esta nova compilación poida axudar a resituar a figura de Lueiro como columnista en diversos medios: esa presenza que se estende desde que en 1935 publica o seu primeiro artigo contra a aplicación da pena de morte nas páxinas de El País pontevedrés, xornal dirixido por Roberto Blanco Torres, e que conclúe, escasas horas despois de seu falecemento, cunha sorte de testamento vital en forma de artigo titulado A todos los míos, como presencia.

Os espazos vitais

     Ao perfil do propio Lueiro acáelle a cualificación de «camiño aberto» pois nesa denominación repousa a polifacecia do seu labor creativo. Á marxe do que constitúe un capítulo aínda por estudar como foi o da intensa actividade política desenvolta desde os tempos da clandestinidade, o seu legado repousa nunha achega poética e narrativa de entidade que agroma desde catro espazos territoriais como son Fornelos de Montes, ese lugar á sombra do Suído que foi reloxo da súa nenez, orixe e inocencia; O Grove, que bautizou como unha «vila con raíz na auga»; Pontevedra, cidade onde traballou toda a súa vida, e Buenos Aires, metrópole que visitou en catro ocasións e que para el supuxo «descubrir unha nova vida», sobre todo da man dos seus amigos Luís Seoane, Lorenzo Varela e Arturo Cuadrado.

Prosa e poesía

    Dentro da súa traxectoria literaria, conformada por propostas nas que combinou a lingua castelá e a lingua galega, non resulta doado salientar algúns títulos. Talvez cumpriría referirse a Manso, novela traducida e publicada por Galaxia en lingua galega na que introduce a temática da Guerra Civil, ou Non debían medrar: texto descarnado e duro, con protagonismo infantil, memorable polo dominio da oralidade que exhibe e por transmitir con transparencia os duros tempos da posguerra; sen esquecer os relatos que alimentan O sol na crista do galo, espello de boa parte da súa propia biografía, dos días convulsos da Guerra Civil e do que veu despois.

    Non foi menor a súa achega ao xénero poético onde destacan o iniciático Un tempo de sol a sol (1971), Escolma ferida (1977), Nova escolma ferida (1988) ou o póstumo Derradeira escolma ferida (2003). Unha poesía que Carlos Gurméndez, e resulta ben aplicable esta caracterización ao resto da súa obra, entendeu que nacía «dunha concepción poética da alienación».

    Hai cen anos nacía Lueiro Rey: esa «conciencia crítica permanente radical» como o denominou Xesús Alonso Montero; ese «poeta subversivo» do que falou Méndez Ferrín. Honralo, e lembralo especialmente este ano, honra.

This slideshow requires JavaScript.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de abril de 2016, baixo o título de “Manuel Lueiro: camiño aberto”.

Advertisements

Información

Esta entrada foi publicada o 16 Abril 2016 por en Divulgación,Homenaxe,Literatura galega , , , .

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: