Conversa de Manuel María e Xohán de Requeixo no monte Faro, entre as néboas do tempo, de Xosé Lois García

Xosé Lois García

Conversa de Manuel María e Xohán de Requeixo no monte Faro (limiar de Alfonso Campos)

Agrasar Editores, Lugo, 2015, 28 páxinas.

 

Hai poucos meses o escritor de Pondente, Xosé Lois García, ofreceu un volume, oportunamente recensionado neste blog, onde se rastrexaban as vinculacións entre Manuel María e a Ribeira Sacra: vincallos que non só resultan de corte vivencial pois a eles cómpre engadir os literarios e creativos.

    Arestora, o mesmo autor achega un volume certamente inesperado e abeirado ao xénero teatral onde tanto o xograr medieval Xohán de Requeixo como o propio Manuel María cobran vida e establecen un ricaz, simbólico e suxestivo diálogo nun espazo de intensas raizames literarias e emocionais como é o monte Faro.

    Alfonso Campos, responsable dun luminoso limiar que contextualiza acaidamente esta achega, subliña que se trata, no fondo, dun “canto á palabra, ao idioma”. En efecto, así se dá nese espazo que é o Faro, Terras de Chantada arriba, convertido agora nunha encrucillada máxica suxerida por encontros que se producen desde as instancias dun triángulo composto polo autor, devoto divulgador tanto da obra de Xohán de Requeixo como da que subscribiu Manuel María, o autor das cinco célebres cantigas de amigo nucleadas arredor do santuario do Monte Faro, loxicamente, o autor de Terra Chá. Nesa conversa, nese diálogo establecido fronte por fronte do tímpano de San Miguel do Monte e que o autor revela como ditado por un soño ou unha visión, acreditamos que se esvaen as fronteiras temporais para cantar os valores da lingua galega e da arte literaria poética galega por riba de épocas e correntes.

    Un libro, en fin, que mestura ficción, memoria, dramaturxia e poesía. Un libro que deseña dúas figuras da poesía galega de todos os tempos, enguedellados nun diálogo posible que, desde logo, se non è vero, è ben trovato. Benvida esta iniciativa, orixinal e, tamén, fortemente sentimental e meta-literaria.