Catro cascarolos, de Marilar Aleixandre

Marilar Aleixandre

Catro cascarolos (ilustracións de Enjamio)

Xerais, Sopa de Libros, Vigo, 64 páxinas, 10  €

 

Particularmente, sempre leo con máximo interese posible o que unha voz como a de Marilar Aleixandre dea a coñecer. Tanto ten que sexa unha novela para o público adulto, poesía, literatura xuvenil ou, como neste caso, unha obra para un lectorado máis novo. A autora non defrauda porque as súas propostas sempre están, ao meu ver, moi ben articuladas e resultan moito máis que solventes, literariamente falando. Isto é o que testemuña este suxestivo Castro cascarolos, aparecido estes días nas nosas librarías con ilustracións, magníficas por certo, de Enjamio.

    A proposta literaria que encerra este libro, abeirada ao xénero do relato curto, amosa as habituais preocupacións da autora, neste caso acaidamente dispostas para que cheguen con efectividade e poidan promover, por si mesmas, o desenvolvemento dun pensamento crítico ao que as lectoras e lectores estou certo que chegarán de seu. A isto contribúe, na miña opinión, o humorismo depositado nalgunhas pasaxes; tamén a concepción lúdica e expansiva da palabra e a importancia depositada na súa musicalidade, ben presente xa nas propias denominacións dos caracois que terman argumentalmente do relato: seres pertencentes ao ámbito natural aos que se lles outorga categoría de protagonistas, como ocorre con outros animais presentes na bibliografía narrativa de Marilar Aleixandre. Neste caso non é difícil advirtir unha preocupación constante, con resultados brillantes, por transmitir que hai outras perspectivas e necesidades construíndo unha visión do mundo -dese mundo que nós vemos talvez só desde un ángulo- diferente. Todo un acerto.