Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Que non te aten, de Manuel Iglesias Turnes

Manuel Iglesias Turnes

Que non te aten

Xerais, Vigo, 280 páxinas, 18 €

 

Manuel Iglesias Turnes retrata nesta súa segunda novela, Que non te aten (Xerais), o universo das explotacións gandeiras galegas, mais tamén a vida cotiá daquelas persoas que viven delas e para elas.

|  Na novela anterior de Iglesias Turnes (Cabanas, A Baña, 1950), titulada As rapazas de Xan, retratábase a vida cotiá dunha aldea galega na metade do século XX. Arestora, deséñase un mundo que practicamente se ignoraba, ou estigmatizaba nalgunha medida, como asunto literario. Aflora así a realidade da Galicia agraria dos nosos días desde as instancias dunha ficción que se alicerza no coñecemento pormenorizado destas coordinadas, o que resulta operativo para desvelar as angueiras, necesidades e problemas das xentes que poboan as explotacións agrícolas actuais, moi modernizadas e, nalgún caso, tecnoloxicamente punteiras en función das esixencias e necesidades actuais.

      Mais esta novela talvez sexa  unha aposta pola desmitificación dun espazo por veces estereotipado; tamén un intento de plasmar con transparencia algo máis que o que pode aflorar nos medios cando se exhiben as reivindicacións deste colectivo profesional. Cunha vontade que, con todo, vai máis alá de situar o mundo rural como pano de fondo, constrúese desde unha inspiración realista, xustamente a que sutura os diversos fíos argumentais centrados nas reviravoltas que sofren os membros dunha familia gandeira, depositando unha especial atención nas expectativas da mocidade, pois, de feito, a voz narradora é a dun mozo que traslada as súas vivencias con sinxeleza e axilidade. Así é como se nos vai conducindo polas súas ocupacións deste personaxe, mais tamén polo seu devalar máis íntimo onde asoman conflitos persoais e outros colectivos, algúns mesmo derivados do encontro entre o mundo urbano e rural.

     Iglesias Turnes, en fin, contribúe a reintroducir o imaxinario rural na novelística contemporánea con efectividade e talento;  ademais, suxire hábitos de lectura en galego en segmentos poboacionais que dificilmente o facían até o de agora. Algo que resulta extraordinariamente valioso.

Esta recensón publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 22 de abril, baixo o título de “A Galicia agraria alén dos estigmas”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: