Volvín ao Grove o venres pasado para pasar un serán magnífico lembrando a Lueiro Rey no ano do seu centenario. Na Casa da Cultura que leva o seu nome xuntámonos un grupo abondoso de persoas para honrar a súa memoria.
Anxo Meis conduciu un acto no que fun excelentemente acompañado polas intervencións musicais de Rosa Leiro e Juan Carlos Cambas e que comezou co visionado dun vídeo elaborado polo alumnado do CEIP Doutor Suárez de Fornelos de Montes ao que seguiu a intervención de Emma Torres, concelleira de cultura do Grove, que deu conta dos proxectos máis inmediatos que, desde o Concello, se levarán a cabo ao longo de todo este ano.
Volveremos a Lueiro proximamente pois o vindeiro xoves, día 12 de maio, inaugúrase a exposición por mor do seu centenario que acollerá o Pazo da Cultura pontevedrés, onde se desenvolverán diversas iniciativas ao longo dun mes. Continuamos nesta causa, na causa Lueiro (fotos Juan Carlos Camba).