Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Poemar o mar, de Antonio García Teijeiro

Antonio García Teijeiro

Poemar o mar (ilustracións de Xan López Domínguez)

Xerais, Vigo, 72 páxinas, 12 €

Antonio García Teijeiro culmina a publicación dunha espléndida triloxía poética alicerzada arredor do mar e composta por «Palabras do mar» (Embora), «En la cuna del mar» (Creotz) e, agora, «Poemar o mar» (Xerais): poesía sen fronteiras de ningún tipo.

 

Nunha traxectoria balizada, entre outros moitos, por recoñecidos títulos como Na fogueira dos versos, por esa antoloxía titulada Un rato díxolle á lúa ou polo recente Lendo lendas, digo versos, articulado en colaboración con Antonio G. Reigosa e que é todo un modelo de reactivación do universo literario lendario envorcado en linguaxe poética, non era difícil conxecturar que Antonio G. Teijeiro concibise un libro como Poemar o mar.

       Un libro de poemas que entusiasma desde a primeira á derradeira páxina pois fai pensar neses mares que inspiraron a Meendiño ou Martín Codax e nun mar coas rompentes e cons que son enigmas e misterios presentes nunha tradición que vai de Cabanillas a Manuel Antonio, de Bernardino Graña a Miro Villar, de Rivadulla Corcón a Marta Dacosta, de María Canosa a Chisco Fernández Naval, de Xosé Iglesias a Alexandre Nerium ou López Abente. Velaquí, asemade, o agasallo do mar do mellor Alberti -ese que cabe nunha soa onda-, os de Rosalía e Pondal, o de Lugrís e o de Leiras Pulpeiro, os máxicos e neotrobadorescos de Bouza Brey e Cunqueiro, os luminosos de Avilés de Taramancos mais tamén as crebas de Ferrín e os mastros de Xohana Torres, a memoria mariñeira de Luísa Castro e ese das mareas de Ana Romaní. Mares que son todos e que son un; mar entendido como salvación porque na conxunción da memoria e do traballo de ourive atento á palabra, ao seu ritmo e á súa música, é onde brilla este esforzo para xerar a emoción que agroma en relampos lorquianos, en haikus, nese facerlle as beiras ao onírico e ao surrealismo, no lúdico e no irónico para construír un libro que, falando do mar, serve para falar de todas as cousas, pois a súa simboloxía é rica, intensa e plena.

      Vento nas velas para este libro sobre o mar: ben o merece, non teño dúbida.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 6 de maio de 2016, baixo o título de “Sempre o mar”.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: