Dous recursos en rede sobre Manuel María

Coñecín hoxe a posta en circulación de dous interesantes recursos para afondar na figura e a obra de Manuel María dos que me gustaría deixar aquí constancia. O primeiro trátase dunha guía didáctica sobre o protagonista do Día das Letras Galegas neste ano, orientada para a educación secundaria e bacharelato e realizada polas profesoras Pilar Ponte e Mercedes Queixas. Baixo o título Eu son esta terra e esta auga articúlase unha actividade segmentada en tres seccións xunto con actividades de ampliación e unha escolma textual e alicerzada nuns elaborados, documentados e atractivos carteis. Particularmente xa a puxen en práctica con resultados excelentes.

     O outro recurso é un áxil e coidado web que, baixo o título Manuel María xornalista, foi elaborado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística e coa Casa-Museo Manuel María e do que se responsabilizou, cun resultado excelente, o xornalista Antón Lopo, quen engade datos biográficos descoñecidos alén de articular unha plataforma virtual constituída por numerosas seccións e desde a que se redimensiona o perfil xornalístico de Manuel María e o doutros protagonistas do Día das Letras ata o de agora, incorporando ademais numerosas actividades didácticas orientadas cara ao mundo escolar. Convido vivamente a coñecer ambas as dúas propostas.