Na inauguración da exposición Manuel Lueiro Rey. Camiño aberto

Resultou moi emocionante participar onte na inauguración da exposición-homenaxe a Manuel Lueiro Rey que se celebrou no Pazo da Cultura da cidade de Pontevedra. A miña gratitude a Digna Rivas, Javier Dios e Anxos Riveiro, que representaron ás institucións que apoiaron o proxecto -Deputación e Concello de Pontevedra-, á familia Lueiro Rey, aos diferentes artistas plásticos e, especialmente, a Carmen Carreiro e Ramón Rozas polo seu traballo tan extraordinario. Deixo aquí a miña intervención no serán de onte para as persoas interesadas. Un pracer, ademais, atoparse con tantas persoas coñecidas e sentir tantos afectos.

Non podo evitar sumarme, en primeiro lugar, aos agradecementos ás institucións e ás persoas que fixeron posible que hoxe esteamos aquí convocados pola memoria de Lueiro, por esta Causa Lueiro que vai crecendo como unha imparable bola de neve. Confésovos que, para min, é esta unha xornada extraordinariamente relevante pola dimensión que desde hoxe proxecta a figura de Lueiro Rey desde Pontevedra para todo o noso país, e non carece de simbolismo que se faga desde o lugar no que traballou arreo a poucos metros de aquí, onde escribiu e viviu algúns anos antes de volver ao Grove na posguerra, onde desenvolveu actividades políticas na República –nun intento desesperado por defender o réxime cando o golpe de estado-, no longuísimo período do franquismo desde a clandestinidade e, logo, nesa transición intransixente que tan ben definiu nos seus artigos, e no que veu despois. En Pontevedra viviu, nunha palabra e Pontevedra devólvelle, con agarimo, a súa atención. Grazas sexan dadas, insisto, a quen acolleu este proxecto con sensibilidade e agarimo.  Grazas sexan dadas tamén aos Concellos pontevedreses de Fornelos e O Grove, sempre fieis á súa memoria, através de senllos premios literarios de referencia, que tanto e tan ben perseveran en manter acesa a chama de Lueiro.

         Non tratei nin coñecín a Lueiro pero os camiños da vida leváronme a Lueiro como lector; despois como editor literario dalgunhas das súas obras e gocei da posibilidade de aproximar e actualizar algunhas dimensións do seu percorrido vital. Entendo, así, que me coubo a honra de axitar un guizo para remexer nos rescaldos dunha memoria que non debe esmorecer. Afirmo todo isto porque que este traxecto percorrido ten un dos seus froitos, un fermoso e gorentoso froito, nesta exposición articulada por mor do centenario do seu nacemento que amosa, para que non o coñeza, que figura de Lueiro está viva, moi viva, tanto entre os que gozaron a fortuna de tratalo en vida como para os que chegaron a ela a través da literatura e aí, sobre todo aí, desexaba chegar. Chegar á palabra, á creación literaria, ao herdo que nos deixou nun corpus que naceu –e integro nel todo tipo de textos-  nas páxinas dun xornal pontevedrés –El País, dirixido por Roberto Blanco Torres- e que concluíu cun texto de despedida dos seus e do mundo nas páxinas do Faro de Vigo e que, lido deste a distancia, aínda emociona. Un caso realmente extraordinario e único: un alfa e omega coa tinta dos xornais manchando os dedos, comprometéndose coas causas máis xustas como leitmotiv dunha ética revolucionaria e rebelde que transpira en calquera dos seus escritos. De todo isto atoparedes nesta exposición. Disto e de máis cousas, abofé, pois cadaquén fará a súa propia descuberta, quen sabe se unha redescuberta, que contribuirá a espertar evocacións, se as houbese, ou simplemente a render un recoñecemento a alguén que ben o merece porque entendeu, tamén, o traballo literario como ética e estética.

         Conclúo. Ao preparar algúns dos contidos desta exposición percibín dúas cousas: a primeira vincúlase co feito de que a obra literaria que Lueiro desenvolveu a grosso modo en corenta anos é un patrimonio valioso que non debería caer no esquecemento, esténdese, como meandros dun caudaloso río, en libros de poesía, relatos curtos, novelas, crónicas xornalísticas, artigos de opinión, todo valía para transmitir unha, para min, valiosa e singular visión do mundo que nos axuda a explicar o noso mundo, que nos axuda a reexplicarnos como seres humanos. Por outro lado, decateime de que aquelas persoas que o trataron subliñaron ou cifraron os valores da súa personalidade con termos recorrentes como son “consecuente”, “voz subversiva”, “conciencia radical”, “bondade”, “honestidade”, “home de ben e solidario”, “transgresor”, “integridade”, “lealdade” ou “franqueza”. Creo que paga a pena, sinceramente, e nos tempos que vivimos, volver os ollos a alguén que así definiron; a alguén que nos deixou un legado sólido e permanente.

         Convido vivamente ás persoas que asistiron hoxe a retornar a este espazo, a publicitar co boca orella, se resulta do seu agrado, esta exposición. Todos os xoves teremos, de aquí ao doce de xuño, unha oportunidade de volver xuntarnos na súa memoria, para falar dos seus libros, para escoitar tanto os seus poemas coma outros que voces actuais lle dedicarán a el, para oír música inspirada na súa obra, para debater e para facer un acto de inequívoca xustiza coa súa figura, para seguir transitando polo ronsel da memoria que, modestamente, fomos quen de apreixar. Oxalá souberamos tamén transmitila con esta exposición. Dixen. Moitas grazas.

O pase de diapositivas require JavaScript.