Hai xustamente cincuenta anos que, nos baixos do antigo Hotel Roma de Ourense, se celebraba un multitudinario encontro entre parte da diversa intelectualidade galega da época e os labregos de Castrelo de Miño para despedir a Celso Emilio Ferreiro, que iniciaba unha nova fase da súa vida camiño de Venezuela.
Deixo constancia desta efeméride do que foi o primeiro acto público na posguerra de carácter marcadamente antifranquista no que, alén de manifestarse con valentía a oposición polo asolagamento das fértiles terras de Castrelo de Miño debido ao “feudalismo hidroeléctrico de Fenosa” -en palabras de Otero Pedrayo-, Celso Emilio Ferreiro dicía adeus procurando unha “terra para vivir”.