Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

A obra de Manuel María: unha fraga vizosa

A ampla obra literaria de Manuel María demandaba unha ocasión para herborizar, para analizar con vagar e, sobre todo, para difundir a obra dun militante da lingua, da literatura e da cultura galegas, mais tamén para achegar matices ás dimensións de carácter máis persoal do autor de Terra chá. En boa parte participo da opinión que este obxectivo foi conseguíndose coas máis recentes publicacións.  Con todo, non resulta doado, e máis no seu caso, sintetizar nunhas liñas nin sequera as liñas de sentido máis xerais que se cruzan na inxente cantidade de libros poéticos que publicou, obviando a súa actividade como dramaturgo, autor de literatura infantil ou ensaísta; como conferenciante e divulgador ou como colaborador en divesos xornais, facetas estas últimas que non deberían ficar difuminadas pois gozan, ao meu ver, dun valor indiscutible que explican outras moitas arestas do seu traballo creativo e da súa personalidade.

          Aínda así, investigacións que transitaron pola súa obra hai xa anos -como as de López Foxo, Mato Fondo, Freixeiro Mato ou  Gómez Torres- ou as máis das voces que nestes últimos meses publicaron achegas interpretativas da súa obra literaria –Mercedes Queixas, Darío Xohán Cabana, Manuel Veiga, Xosé Lois García ou Vicente Araguas- coinciden en salientar a monumentalidade e pluralidade da súa voz poética. Entre estes últimos, talvez o traballo de Darío X. Cabana, incluído nunha antoloxía escolmada con Amelia Outeiro, sexa o que aborda con maior sistematicidade as claves dunha obra poética que engloba desde unha perspectiva temática apuntando, así, ás presenzas dunha lírica persoal de grande alento, outra minimalista “cunha retórica moi parca”, un vector abeirado ao popularismo e ao que denomina “patriótica panfletaria ou profética”, sen esquecer  a da “crítica social esperpéntica”, a da “poesía relixiosa” e, finalmente, a que bautiza como “poesía da terra humanizada”; liñas que por veces se mesturan xa non só nun libro senón nun mesmo poema e que estrutura arredor do que denomina catro xeiras, penso que cunha argumentación irrebatible. O propio Cabana lembra a clasificación que Claudio Rodríguez Fer ofreceu no seu día que sintetizou en cinco eixes temáticos como “poesía existencia e relixiosa, etnopaisaxística, intimista e amorosa, social e infantil”. O propio Manuel Veiga apunta que “nin a mellor guía crítica parece capaz de orientar o lector entre os 1.525 poemas que, a risco de erro, escribiu” e Mercedes Queixas sinala como unha das claves que explican a autenticidade da obra do poeta a querenza indisimulada por asuntos de interese universal como o amor, a morte e o humor sen esquecer o proceso de “dignificación da lingua galega e da cultura que se constrúe con personalidade propia”. Achegas toda elas que son balizas preciosas para orientarnos con utilidade e garantías nesa fraga vizosa que supón unha obra poética dificilmente repetible por extensa e intensa.

            Dun ou doutro xeito ao ler a poesía de Manuel María non é raro sentirse inmerso nunha estética que circula sen parar en todas as direccións, na que nada queda fóra do seu interese e na que non importa reiterar motivos porque tan importante é escribir como respirar. Quen dubida de que a súa é unha obra puída, constituída polo traballo constante, teimoso e heteroxéneo dunha persoa vocacionalmente entregada á creación e á escrita poética con singularidade.

 VIVIR PARA A POESÍA: UN INÉDITO SIGNIFICATIVO

           Un documento que resulta operativo para confirmar esa vida radicalmente orientada ao discurso poético repousa nas respostas que remitiu a un inquérito que Xesús Alonso Montero distribuíu por volta do ano 1969 para constituír un, inédito aínda, Dicionario da nova literatura galega. Manuel María responde, así pois, aos máis das cuestións formuladas e aínda engade un longuísimo dossier informativo  -de carácter bibliográfico-  sobre a recepción da súa obra poética publicada ata aquela altura, o que confirma a especial atención que depositaba no proceso de arquivo de todo aquilo que a súa  produción fose xerando. O inquérito propiamente dito, conformado por vinte e unha cuestións vinculadas con aspectos informativos e literarios e outras dez preguntas nas que se requirían opinións diversas, non foron contestadas integramente pero revelan a relevancia que outorgaba á contrución dun discurso poético sólido e eficazmente comunicativo.

          Para evidenciar esta inclinación reparo, tan só, en dúas respostas recollidas desde o primeiro apartado: cuestionado polas súas primeiras conferencias en galego refírese á que ditou baixo o título de “Noticia de moderna poesía galega” na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Santiago de Compostela en marzo de 1962, ao que engade “o meu primeiro recital de poesía propia, todo él en galego, dino nos Cursos do Vrao, do ACI, da Coruña, agosto, 1952. Foi o primeiro recital meu importante”. Por outro lado, inquirido polo seu primeiro traballo galego publicado responde que viu a luz na revista Xistral, na primavera de 1949, baixo o título de “A cantiga derradeira”.

          Se cadra poden iluminar a biografía intelectual de Manuel María, e talvez sexan de interese polo seu valor sociolóxico, as respostas que brinda -lémbrese que se recúan ao pouco antes do ano 1969- a unha serie de cuestións que afondan en asuntos vinculados con influencias que rastrexa na súa obra, na relevancia doutros escritores galegos nel, nas estratexias e necesidades editoriais mais perentorias e outros asuntos de intención parella. Velaquí a totalidade desta segunda parte, e inédita, da enquisa:  <<I. ¿Qué escritores –galegos ou de fóra– influíron máis en vostede?: -Rosalía, Curros, Cabanillas, Manuel Antonio, Amado Carballo, Noriega Varela, Crecente Vega…  II. ¿Qué catro escritores galegos xuzga máis importantes?: –Rosalía, Curros, Pondal, Castelao, Cabanillas, Celso Emilio Ferreiro. Non se pode borrar ningún. III. ¿Qué libro galego urxe, ó seu xuício, reeditar?: –A obra de Xosé Lesta Meis; “Os probes de Deus”, de Amado Carballo. IV. ¿Qué autor galego cómpre “resucitar”? -Xosé Lesta Meis.  V. ¿Faille falta á cultura galega unha Academia da Lingua?: -Si.  VI.  ¿Cál é o libro galego máis relevante dende o ano 1960?: -En verso: Longa noite de pedra. En prosa: Memorias dun neno labrego. VII. ¿Qué temas descoida a literatura galega de hoxe?: –A auténticamente infantil i a feita pró povo.  VIII. ¿Qué autores portugueses e brasileiros deberan estar máis presentes entre nós?: -Portugueses: Guerra Junqueiro, Castelo Branco. Brasil: toda a literatura de vangarda -poetas e novelistas- i o cine. IX. Os xornales de Galicia ¿préstanlle a debida atención á nosa literatura?: – Non.  X. ¿Cáles son os dous libros que máis falta nos fan?: –Un libro pra deprender a ler en galego. I unha boa “Escolma” que nos dé unha panorámica de toda a nosa literatura, dende os Cancioneiros ós nosos días, verso e prosa>>.

          Repárese, para finalizar, na admiración expresa por dous coetáneos: Xosé Neira Vilas e Celso Emilio Ferreiro. Con ambos os dous estableceu unha relación de amizade por riba de fronteiras e valados e bo era coñecer a intensa relación epistolar cruzada entre os tres  que iluminaría, aínda máis, boa parte da historia cultural galega do século XX.  Sería un bo complemento que aínda afortalaría máis a relevancia da súa presenza no devandito panorama.

Este artigo publicouse nas páxinas do suplemento “Letras Galegas. Manuel María. O home sinxelo, o poeta sobranceiro” de La Voz de Galicia o 13 de maio de 2016.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: