Supuxo para min unha alegría retornar onte ao Pazo de Cultura pontevedrés, espazo que acolle a exposición “Camiño aberto” dedicada á memoria de Lueiro Rey no ano do seu centenario, para presentar a reedición divulgativa e conmemorativa de Non debían medrar que Edicións Xerais puxo en circulación hai poucas datas.
Preludiados pola intervención do magnífico dúo -piano e voz- conformado por Rosa Leiro e Juan Carlos Cambas, que tamén pecharon o acto, Manuel Bragado deu conta dalgunhas das claves deste volume atendendo á súa adscrición xenérica, ao contexto editorial, literario e social no que a primeira edición de Non debían medrar viu a luz e subliñando algúns dos seus indiscutibles valores estéticos.
A continuación o profesor Modesto Hermida ditou unha magnífica lección sobre os valores e o legado literario de Manuel Lueiro Rey, de quen foi amigo e camarada político. Reivindicou con afouteza o seu exacto lugar na historia da literatura galega do século XX, o dun autor prolífico que non “enraizou no colectivo de intelectuais orgánicos do seu tempo”, realizando unha revisión pola atención crítica que suscitaron as súas obras na que, agás algún caso, se secundarizaron os valores literarios en función doutros intereses, alén de subliñar esa visión lírica que enchoupa a súa obra literaria, como xa deixara explícito o propio autor en reflexións -e algún documento epistolar- escritas hai xa moitos anos.
Un feliz serán, non teño dúbida, para avanzar na “causa Lueiro”. Grazas ás persoas que o fixeron posible. Seguimos (a miña gratitude polas fotos a Carmen Carreiro).