Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Camiños na auga, de Manuel Núñez Singala

Manuel Núñez Singala

Camiños na auga

Galaxia, Vigo, 296 páxinas, 17,50 €

 

Núñez Singala convídanos a percorrer as pegadas da fuxida que, desde o lago Vitoria ata as illas Canarias, realiza Szymo, un mozo estigmatizado por ser negro e albino.

Camiños na auga, a última peza narrativa de Núñez Singala, sostense con tres esteos que o autor goberna con moi bo pulso: a novela de aventuras, a de viaxe e a iniciática. Acaróanse e entretécense sen pausa estes tres elementos que resultarán operativos para ofrecer unha proposta sólida, ben cohesionada e situada nese segmento de novelas de «fronteira», propicias para unha ampla franxa de lectorado.

      O protagonista, Szymo, un negro albino sometido a persecución polas súas particularidades físicas -o que na novela se denomina un dili, isto é, obxecto de negocio para determinadas prácticas rituais-, vese obrigado a saír da súa aldea e iniciar así un longo percorrido que vai desde as beiras natais do lago Vitoria ata Europa, devorando centos de quilómetros e loitando contra os elementos e as hostilidades coa única compaña dun compás invisible na man que lle marcará o seu norte: salvar a propia vida, superar os estigmas da diferenza e mirarlle á cara ao destino que a cor da súa pel probablemente lle depararía.

      Intensamente documentada, sen que nunca se advirtan as coseduras, o autor constrúe unha narración na que sitúa en primeiro plano, a través dese personaxe devandito mais tamén de todo o seu universo vivencial, as cuestións da emigración, do dereito á diferenza e a da diversidade cultural e social. Deste xeito é como, con transparencia, se nos van desvelando os diversos espazos que o protagonista percorre, revélanse as claves do proceso do seu aprendizaxe marcado polo afán de superación, sen esquecer os baleiros que ocasiona a quebra continua dos escasos afectos en forma de amizade ou amor aos que accede ata a chegada a Europa a bordo dun caiuco, onde Singala atesoura páxinas estremecedoras e acada, ao meu ver, indiscutible brillantez.

 

Esta recensión, baixo o título de “A epopea de Szymo”, viu a luz nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 20 de maio de 2016.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: