Lueiro e a poesía: unha nova cita na Expo Camiño aberto

Este vindeiro xoves 26 de maio, ás oito do serán e no Pazo da Cultura pontevedrés, celebrarase o terceiro encontro desde a apertura da Exposición Camiño aberto que conmemora os cen anos do nacemento do escritor Lueiro Rey.

       Nesta ocasión  evocaranse as claves do seu perfil poético e intervirán, inicialmente, Miguel Cuña -da Fundación Cuña-Casasbellas- e a profesora, ensaísta e secretaria xeral da AELG Mercedes Queixas. A continuación tomarán a palabra as catro voces que foron galardoadas no premio de poesía Lueiro Rey que se celebra anualmente en Fornelos de Montes, isto é, Silvia Penas, Eli Ríos, Luís Valle e Marcos Abalde, para facer un recital poético que conxecturo como memorable. Por último, como agasallo, a sesión vai completarse coa actuación do grupo Cinta adhesiva.

     Unha oportunidade extraordinaria para homenaxear a Lueiro, unha vez máis, coa palabra, a música e coa poesía. Agardámosvos!