Breviario, en Biblos. Revista Galega de Información Literaria, nº 80

  1. Unha das noticias literarias destes últimos días foi a concesión do Premio da Crítica 2015, organizado pola Asociación Española de Críticos Literarios e pola Asociación Galega da Crítica, tras unha votación das persoas que pertencemos a esta última asociación. Os galardoados foron O último día de Terranova (Xerais), de Manuel Rivas e mais O deserto (Apiario), de María do Cebreiro. Dous grandes libros, non teño dúbida, que volven deste xeito dispor de certa atención mediática, cousa que sempre é moi necesaria. A organización dunha entrega en Compostela deste galardón na sede do Ateneo creo que supuxo unha iniciativa espléndida e plausible. Parabéns a Chus Nogueira pola súa boa man como presidenta da AGC.
  2. Na entrega anterior sinalaba, alén da obrigada referencia a Manuel María neste ano que andamos, cara a algunhas efemérides como o centenario de Lueiro Rey e os cincuenta anos da celebración do “Banquete de Ourense” no que se despedía a Celso Emilio Ferreiro. Deixei para esta entrega redactar unhas liñas sobre o centenario da creación das Irmandades da Fala. Polo de agora a efeméride non gozou de atención que merecería –fóra dalgúns proxectos ben interesantes na rede como o Almanaque das Irmandades (http://almanaquedasirmandades.gal/) ou a atención que se lle presta na web do Consello da Cultura (http://consellodacultura.gal/album/irmandades-da-fala/). Hai algúns proxectos institucionais en marcha e outras propostas que chegarán en forma de papel de editoriais como Xerais ou Laiovento, e mesmo tres antoloxías dispostas e organizada pola propia Real Academia Galega. Agardaremos por todos estas achegas pois participo da idea da relevancia que debería proxectar esta celebración  nestes precisos momentos.
  3. Comezaron hai algún tempo as Feiras do Libro de Galicia. Achegar o libro á rúa é imprescindible mais teño para min que o seu modelo resulta, hoxe por hoxe, manifestamente mellorable, tanto no que se refire ao emprazamento que goza nalgunhas vilas e cidades como na propia dinámica que atinxe ás actividades que se organizan ao seu arredor.
  4. Unha recente polémica suscitada por un produtor musical e escritor chamado Julián Ruiz nun medio radiofónico galego público no que interviña para promocionar un libro e no que se sentiu molesto porque lle falaban galego debería facer pensar que moito mellor sería entrevistar a autoras e autores galegos nos nosos medios, e promocionar por extensión libros de noso. Evitariamos en ocasións, ben sei que non sempre, eses desprezos.

Este texto publicouse na revista Biblos, nº 80, maio-xuño 2016.