Onte, coa poesía, da man de Lueiro Rey

Celebrouse onte no Pazo da Cultura pontevedrés a terceira sesión de coloquios no seo dos actos programados dentro da Exposición “Camiño aberto. Manuel Lueiro Rey”. O motivo foi Lueiro e a poesía e para desenvolver este asunto convocáronse tanto diversos especialistas literarios como poetas.

     Tras unha intervención institucional a cargo de Xosé Leal, en representación da Deputación provincial que apoiou a celebración deste ciclo cultural, Miguel Cuña, da Fundación Cuña-Casasbellas, entidade que o ano pasado dedicara unha sesión do seu “Brumario poético” a Lueiro, realizou un percorrido por algunhas das claves poéticas de Lueiro a través da lectura, e suxestiva interpretación, de cinco poemas de autor. Pola súa parte, a profesora e ensaísta Mercedes Queixas, nunha alocución moi atinada, aludiu ao que entende como “versos fogueira” dun autor que trae ao presente a memoria dun tempo que foi, percorrendo asemade as claves esenciais da súa estética como voz inconformista que trouxo canda si  unha “xanela de luz espida e ar fresco”, convidando tamén a sumarse ao que denominou, con fortuna ao meu ver, a esta  “casa/causa Lueiro”.

    O espazo para a poesía ocupárono as voces galardoadas no premio Lueiro Rey de poesía que organiza anualmente o Concello de Fornelos de Montes e a Asociación de Veciños Cruceiro da Laxe: Silvia Penas, Eli Ríos e Luís Valle, desculpando a súa ausencia Marcos Abalde. Un recital, ao meu xuízo, extraordinario, heteroxéneo e cheo de intensidade e emoción que se completou cunha actuación memorable e arrebatadora de Silvia Penas como vocalista e intérprete do grupo cintaadhesiva.

   Outro serán, así pois,  que se sumou con éxito aos precedentes e aos que aínda virán na memoria de Lueiro Rey. O seguinte dedicarase ao xornalismo onde se presentará un novo libro do autor: Novas crónicas dunha transición intransixente, publicado por Laiovento. Un acto no que intervirán Helena Villar Janeiro, Ramón Rozas, Afonso Ribas e Xesús Alonso Montero. Celebrarase igualmente no Pazo da Cultura de Pontevedra, nesta ocasión, ás sete e media. Esperámosvos de novo! (fotos deste apuntamento: Héitor Picallo e Carmen Carreiro).