Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohán Xesús González

VV.AA.

Verbo na arria. Homenaxe literaria a Xohán Xesús González

Fervenzas- Asociación Cultural “O Fervedoiro”, A Estrada, 174 páxinas, 15 €

 

A Asociación Cultural “O Fervedoiro” coordinou un completo volume que recoñece, no 120 aniversario do seu nacemento, a figura do escritor e político cuntiense Xohán Xesús González.

 

Para recuperar a memoria os libros son un ferramenta moi valiosa e así o entendeu a Asociación Cultural “O Fervedoiro” de Cuntis que pon o acento na figura do escritor, xornalista, avogado, canteiro e mestre Xohán Xesús González, cando se cumpren cento vinte anos do seu nacemento.

     O resultado é, a todas luces, primoroso e atreveríame a destacar dous aspectos da publicación: por unha banda o exquisito acerto no que se refire á maquetación e disposición dun extenso corpus documental, artístico e fotográfico, inserido tanto no  rigoroso bosquexo biográfico a cargo de Héitor Picallo e Martiño Picallo, de absoluta referencia desde agora para alguén que queira coñecer a biografía e as dimensións intelectuais de Xohán Xesús González, como no acaído limiar do que se responsabiliza o profesor Marcos Seixo; por outra banda, tamén resulta un acerto epigrafar os diversos contidos do libro no chamado “verbo xido”, isto é, na xiria gremial dos arghinas, tamén coñecida como Latín dos Canteiros, que o homenaxeado manexaba e na que tamén escribiu.

     O libro, en permanente construción desde hai máis de sete anos, complétase cun extenso número de colaboracións, as máis delas de carácter poético, que conforman un florilexio de recoñecementos, heteroxéneo e fértil, que chouta por riba de criterios xeracionais e  testemuña o ronsel admirativo que esperta a figura de quen foi fusilado nas tapias de Boisaca en setembro de 1936 tras dirixirse, pouco tempo antes e co chamado Terzo de Calo, cara a Compostela para defender a legalidade republicana.

    Unha sorte contar con este libro divulgativo concibido tamén como unha homenaxe literaria: feliz conxunción de vontades que difunden e reivindican con solidez e paixón unha voz que deste xeito se proxecta no presente con todo o que, aínda hoxe, nos ten que dicir. Parabéns pola iniciativa.

Esta recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 3 de xuño de 2016, baixo o título de “Memoria, recoñecemento e poesía”. Incorporo este booktráiler promocional do libro elaborado polo Quinteiro do Umia (un proxecto comunicativo da bisbarra de Cuntis sen ánimo de lucro).

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: