Os premios Xerais 2016

Foi un pracer asistir onte, unha vez máis, á entrega dos Premios Xerais 2016 que se celebraron na illa de San Simón. Un serán magnífico no que sempre se xera esa máxica torrenteira de afectos e no que houbo ocasión, alén de gozar coas intervencións musicais de Lydia Botana,  de escoitar un discurso emocionado e intenso de Ledicia Costas do que me gustaría salientar ese recoñecemento público tanto da débeda contraída coas voces anteriores que transitaron os camiños da creación, fundamentalmente a chamada “Xeración Lamote”, como da oportunidade de coñecer as súas obras a través das publicacións de Edicións Xerais desde a súa fundación.

      O serán, ademais, deparou sorpresas como foron a concesión do premio Merlín a unha voz , que non se prodiga moito e que admiro, como foi a de David Pérez Iglesias -inesquecible para min aínda hoxe o seu Estación Término (1993)-, e mais esas dúas descubertas que se singularizaron tanto no premio Jules Verne, que recaeu en Iria Misa, como no Xerais de Novela outorgado a Manuel Esteban Domínguez. Tres suxestivas obras, ao que se puido oír en San Simón, que chegarán tras o verán.

    Grazas ás persoas que conforman os diversos xurados por un traballo tantas veces difícil, moitos parabéns ás persoas galardoadas polas súas novelas e, igualmente, ás obras finalistas. Parabéns a Celia Torres polo impecable da organización e quedo cos versos de Luísa Villalta cos que Manuel Bragado pechou o acto literario: “Navegar é preciso, para retornar sempre á vida”. Sen dúbida.