[Obituario] (cuberta de Héitor Picallo)
Concello de Negreira, Negreira, 48 páxinas, 10,50 €
Galardoado na IV convocatoria do premio de poesía López Ardeiro este libro supón a afortunada estrea da escritora ceense Rocío Leira no xénero. [Obituario] é un libro compacto que non pode deixar indiferente a ninguén: permítenos oír, con indubidable estremecemento, as voces dalgunhas das mulleres asasinadas pola violencia machista o ano pasado. Elas reencárnanse nos seus propios nomes e apelidos e para elas reinvéntaselles unha biografía individual que, sumadas unha a unha, van converxer nese tráxico final que as irmanda. Todas as voces saen aquí do “cofre da noite” e procuran inquirir as razóns do inexplicable: un berro calado contra o esquecemento e a ignominia.
Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, o 3 de xuño de 2016, baixo o título de “Mulleres desde o cofre da noite”.