A rotura das paisaxes, de Xesús Constela

ConstelaXesús Constela

A rotura das paisaxes

Xerais, Vigo, 2016, 304 páxinas, 18 €

 

 

Retorna Xesús Constela á narrativa cun libro de relatos, ou novela se se quer, no que nos convida a coñecer os camiños sorprendentes polos que transita un autor implicado coa esixencia creativa.

 

Existen as figuras de seu, á marxe da paisaxe da que forman parte? Esta parece a interrogante que, aproveitando unha cita de Toulouse-Lautrec, este libro nos propón. Á marxe da reflexión que suxire a a pregunta, apúntanse desde as páxinas limiares deste libro como, ao xeito da Rayuela cortaziana, existirían tres posibilidades de abordar a súa lectura polo que xa queda explícita tanto a vontade de experimentar e procurar outros horizontes narrativos como de ofrecer, asemade, un desafío para quen abra as súas páxinas.

      Dun ou doutro xeito a orde dos factores non altera o produto, isto é, A rotura das paisaxes talvez constitúa a proposta narrativa máis arriscada de Constela onde leva ao seu extremo algúns dos esteos que veñen alicerzando o seu percorrido narrativo, alén de apostar por outros novos. Fóra do devandito xogo no que se apuntan posibles lecturas, do reto autorial cifrado no emprego dun abano plural de técnicas narrativas e de diversas voces, todo superado con solvencia; mesmo alén da sempre agradecida presenza do humor e da ironía, afóndase aquí nesa intención de gobernar os personaxes con decisión para que estes percorran distancias, visiten espazos e conten historias sen seren realmente conscientes do que fan co obxectivo de dubidar e sorprender. Deste xeito créase, con efectividade, unha atmosfera de irrealidade a través de dous personaxes que camiñan, len, falan e escoitan, inseridos nun mundo referencial cotián, talvez recoñecible, onde mesmo o arrecendo surrealista que rexe en determinadas situacións teña o seu sentido no propósito de responder á pregunta que suxeriu o pintor francés pois a propia paisaxe vai esvaéndose a prol das figuras e das presenzas que, dalgún xeito, tamén se converten en queridas compañeiras de viaxe.

Este recensión publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 10 de xuño de 2016, baixo o título de “Un desafío”.

2 Comments

Os comentarios están pechados.