Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Lueiro Rey: o camiño segue aberto

Concluíron, o pasado xoves día 16 de xuño, os actos programados dentro da exposición “Lueiro Rey. Camiño aberto” cun encontro que versaba sobre os perfís humanos, literarios e políticos de Lueiro. O certo é que a lembranza de Suso Bértolo, fillo político do autor e verdadeira forza motriz de tantas e tantas iniciativas que se levaron a cabo nos últimos anos, estivo presente en todos e cada un dos discursos das persoas participantes.

      O artista plástico e escritor Antonio Chaves evocou a figura de Lueiro nunha clave persoal, mais tamén reivindicativa e, loxicamente, literaria, revelando algúns aspectos escasamente coñecidos. A continuación o profesor Luís Cochón centrou a súa intervención en afondar nalgunhas das claves sobre sobre a peripecia editorial da novela Manso e o secuestro real que sufriu a primeira edición malia gañar o premio literario Ciudad de Oviedo no ano 1966. Por último, a escritora Eli Ríos, representando a incorporación á Causa Lueiro dalgunhas das voces poéticas máis recentes, trazou os socalcos do camiño persoal polo que transitou ata a descuberta da figura humana e literaria de Lueiro, pechando tamén o acto coa formidable declamación do poema “Elexía ao Che”, do autor de Non debían medrar.

      Un broche final extraordinario para uns actos que contaron cunha apreciable asistencia de público e cos que quixemos celebrar o centenario do nacemento de Lueiro. O balance non pode ser máis positivo sabendo que a Causa Lueiro continúa e que o camiño segue aberto. Grazas a todas as persoas que quixeron coñecer a exposición, ás que asistiron aos diversos actos e ás que, dun ou doutro xeito, apoiaron esta iniciativa. Seguimos.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: