DisParo, de María Canosa

María Canosa

DisParo

Embora, Ferrol, 2016, 120 páxinas, 15 €

 

Estréase a escritora e enxeñeira ceense María Canosa como narradora para adultos cun libro que reflexiona sobre as vivencias do desemprego, as frustracións e as rutinas que este carrexa

Hai moito nestas páxinas de quen a escribe: unha enxeñeira de camiños, devota lectora, atenta aos detalles, consciente de que ás veces as olladas poden dicir máis cousas que as palabras, vai atopar na escrita certo acougo para revelar en primeira persoa, coma se se tratase dun longo monólogo coa aparencia dun diario, as súas propias vivencias e sentimentos que son, pola sensibilidade con que se contan, compartidas coas persoas ás que se lles tronza a vida ao perderen o traballo.

       A protagonista coida, día e noite, unha filla nos seus primeiros meses de vida pero, loxicamente, iso non o é todo e sente como aos poucos a asolaga a sensación frustrante de non atopar o seu sitio: non atopalo porque a sociedade teima en invisibilizar o problema e porque, malia loitar con todas as forzas, a solución non se albisca no horizonte.

      DisParo é, aínda, máis cousas pois transmite limpa e honestamente o desacougo que se xera na protagonista ao non sentirse de ningures ao que se engade, mesmo, a sensación de ser estranxeira -lingüística- na súa patria. O libro é unha detonación dirixida ao noso tempo e a súa onda expansiva debería, cando menos, facernos reparar na invisibilidade desa masa silandeira e vulnerable que tantas veces ignoramos.

Esta recensión viu a luz nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 17 de xuño de 2016 baixo o título de “Esa masa silandeira”.