Helena

Amable e tolerante. Así se definía Helena Villar Janeiro hai algún tempo nun Cuestionario Proust que viu a luz neste mesmo blog. Ninguén que a tratase e que a coñecese un pouco dubidará da veracidade desta afirmación. Pero Helena é aínda moito máis. Boto a ollada atrás e coido que a coñecín nun xurado dun premio literario na Estrada, talvez pola metade dos anos noventa, onde lembro tamén a presenza do poeta Modesto Fraga. Sabía dela, das súas publicacións e traballos literarios, da súa devoción rosaliana e das súas colaboracións xornalísticas pero nunha cea posterior á deliberación revelóuseme a persoa que cadrou co que imaxinaba, isto é, amable, tolerante, mais tamén culta, altamente informada da realidade cultural, reivindicativa e feminista que, ao tempo, sen decatarse e por veces a través dos seus silencios tamén elocuentes, desprendía esa luz que rodea a algunhas persoas que centran a súa vida no exercicio, e facelo ben é unha arte, da docencia. Os encontros posteriores, as máis das veces breves e fortuítos, que tiven con Helena -e nos últimos tempos máis na virtualidade da rede- non fixeron máis que confirmar aquelas primeiras percepcións.

    Non poderei acompañala no xusto recoñecemento que supón a concesión do galardón “A escritora na súa terra” organizado pola AELG que a vila de Rianxo acollerá este vindeiro sábado, pero dun ou doutro xeito estarei alí nas voces das miñas compañeiras e compañeiros desta nosa República das Letras. Beizón, Helena.