Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Querido H.P. Lovecraft, de Antonio Manuel Fraga

Antonio Manuel Fraga

Querido H.P. Lovecraft

Urco, Compostela, 151 páxinas, 13 €

 

Antonio Manuel Fraga conseguiu con esta novela o I Premio Antón Risco de Literatura Fantástica, convocado pola Fundación Vicente Risco e Urco Editora para divulgar o xénero fantástico.

Recoñezo que a miña paixón por Lovecraft, e o círculo que leva o seu nome, levoume suxestivas e desacougadas horas de lectura hai xa algúns anos. Por iso unha novela así titulada, que homenaxea implicitamente o xénero da literatura fantástica, era unha proposta  moi apetecible. E o certo é que Antonio Manuel Fraga articula un texto narrativo de altura para actualizar e inserirnos, por defecto, no universo desta corrente literaria e da singular materia  que se recrea transmitindo, neste caso cunha fabulosa fidelidade, esas difíciles e estilisticamente brillantes fórmulas expresivas que as novelas destes escritores exhibían, eses espazos suxeridos, por veces reais e en ocasións simplemente resultado dunha imaxinación envexable e senlleira, ou toda esa fervenza argumental constituída por conxecturas, dúbidas ou incógnitas que as máis das veces ficaban a aboiar no territorio do ambiguo.

         Para iso recorre Fraga ao recurso dunha estimulante relación epistolar entre Robert Ervin Howard –unha das voces máis sobranceiras da denominada literatura “pulp”- e Howard Philip Lovecraft, coa figura do pai do primeiro polo medio. Escolle, e non gratuitamente, unha figura real, perfilada cunha predisposición vital marcada pola infelicidade e se cadra cun certo complexo edípico, que relata en primeira persoa, construíndo unha sorte de crónica mercé á súa memoria, algo que se pode denominar como unha caída aos abismos, aos que foi empurrado –se cadra  un tanto inocentemente- desde os espazos máis agochados ou incógnitos da propia condición humana, para caer ao final na rede do aparentemente inexplicable.

         Sente un, ao ler este Querido H. P. Lovecraft, a música melancólica que compón o bater continuo das teclas dunha marabillosa Underwood que golpea Howard sen cesar. Grazas por facelo posible.

Esta recensión publicouse baixo o título de “O son dunha underwood para afondar nos abismos” nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 2 de xullo de 2016.

 

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: