Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

Non cabe na morte

Foto: Anxo Cabada

Foto: Anxo Cabada

Hoxe publico unhas palabras que expresan o meu recoñecemento a Agustín Fernández Paz desde as páxinas de “Cultura” de La Voz de Galicia. Un deses artigos que, evidentemente, nunca me gustaría escribir.

      Reprodúcese abaixo e pódese ler premendo aquí. A foto superior é de Anxo Cabada, con Agustín tras falar d´A viaxe de Gagarin no Club de Lectura  de adultos do IES Valadares nun serán de maio do ano pasado que agora se revela como máis inesquecible.

 

Un poeta venezolano con raíces portuguesas, chamado Joaquín Marta Sosa, escribiu, cando soubo da morte doutro poeta chamado Manuel de Cabral, que este “non cabía na morte”. Non se me ocorre outra afirmación que cadre, neste momento triste, para falar de Agustín Fernández Paz: non cabe na morte porque desde onte foi quen de  facerlle un caneo colosal e, malia ser tanxible e dolorosa a orfandade na que nos deixa, reaparece poderosamente diante de nós para perdurar nunha nova dimensión. Todo cobra un sentido diferente que, talvez pola familiaridade que nos inspiraba, non eramos quen de ver con claridade e, ás veces, só sospeitabamos. Desde onte revélanse nidiamente os perfís entrañables dunha presenza que agora apalpamos na súa ausencia e todo o que nel se daba de maneira natural  -xenerosidade, coherencia, integridade- agrándase desde a modestia que foi regra nel toda a súa vida pois aqueles, modestia incluída, foron os valores que sempre abrazou. Desde onte desvélase como, debaixo dese iceberg que constitúen os milleiros de páxinas escritas,  latexaban doses de talento de mans dadas co esforzo, en ocasións titánico, para dar sempre o mellor de si.

            Agustín era, tamén, unha persoa de compromisos: comprometeuse coa lingua do seu país e cunha literatura á que situou, como non quere a cousa,  en  horizontes nunca imaxinados. Sabía que desde a literatura e, coa lectura, podían ir dándose os pasos precisos para acometer esa revolución silandeira que contribúa a cambiar o mundo. Sabía, como mestre apaixonado coa súa profesión, que nas aulas era fundamental contaxiar o entusiasmo pola literatura, e cónstame que así o fixo, inoculando ao tempo esa paixón pola vida que sempre entendeu como un agasallo fabuloso.

            Dicía Gabriel García Márquez que escribía para que o quixesen máis. Non era o caso de Agustín pois a súa obsesión coa escritura bebía noutras fontes, mais calquera persoa que o tratase e que o lese sabe que era difícil non querelo. Como o seu querido Celso Emilio Ferreiro escribiu “que a terra que il amou lle sexa lene”. Ata sempre, Agustín.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: