Caderno da crítica

Literatura galega: de todo un pouco; ás veces tamén opinións. Blogue de Ramón Nicolás

«Noir Compostela» e Blanca Riestra

A décimo sexta edición do Premio de Novela por Entregas da Voz descobre e recoñece a primeira proposta da autora coruñesa en lingua galega, acaroada con solidez ao xénero da novela negra.

O Premio de Novela por Entregas arrastra canda si, nas súas diversas edicións, particularidades de signo moi diverso desde un punto de vista literario. Creo, iso si, que nunca se dera na súa resolución unha singularidade como a desta convocatoria, de maneira que a novela que vai ocupar as páxinas deste xornal ao longo do mes de agosto supón a primeira incursión en lingua galega dunha voz máis que asentada nas letras castelás como é a da escritora coruñesa Blanca Riestra, que chega así á literatura galega tras dez novelas e numerosos galardóns, á espera asemade de que vexa a luz Greta en su laberinto, coa que gañou o Premio Torrente Ballester na última edición.

     E na realidade esta viaxe, na que a autora retoma a lingua na que viron a luz os seus primeiros escritos, dialoga coa que supuxo a súa estrea como novelista: Anatol y dos más (1996) e non só pola atmosfera compostelá común entre unha e outra, senón por outros fíos compartidos que pairan en ambas as dúas propostas.

     Noire Compostela é un texto que revela, así, o oficio dunha autora que se move con habilidade na narrativa e que se acaroa ao xénero da novela negra, incorporando todos aqueles elementos que a caracterizan e onde salienta, ao meu ver, o perfil que se lle dotou a un personaxe como é o inspector de policía Touriñán. Mais non só, pois os máis dos trazos do xénero sutúranse con solidez e sométense con solvencia a ese ritmo particular e tan esixido que impón a novela por entregas.

     Ao tempo, en Noire Compostela homenaxéase á cidade de Compostela e aos seus espazos mercé ao protagonismo que se lle outorga a un grupo de personaxes, estudantes perfilados con plasticidade, que senten e ven a cidade, talvez, desde unha óptica distinta e sometida en ocasións a unha ollada caleidoscópica de orde máxica ou fantástica que desvirtúa as contornas e introduce con éxito un hibridismo non moi transitado ata o de agora. É aí onde se nos sitúa nun presente que, anoado cun tempo pretérito que se sitúa por volta de mediados os anos oitenta e inzado de enigmas que desenvolven con naturalidade, posibilita a aparición dun xogo de espellos coa actualidade onde cobran relevancia tanto as ameazas como os perigos da rede, simbolizados concretamente na chamada deep web ou internet profunda, presentada coma un océano insondable que alenta ao noso arredor sen sermos conscientes do que realmente inflúe nas nosas vidas.

     Unha novela, en fin, onde a estrutura, a temática e o ritmo narrativo camiñan a par para captar a atención dos lectores: un obxectivo conseguido, sen dúbida ningunha.

Este texto publicouse nas páxinas do suplemento Fugas, de La Voz de Galicia, o 15 de xullo de 2016.

Advertisements

Páxinas

Categorías

Arquivo

%d bloggers like this: